O Concello do Vicedo emitiu este xoves un comunicado no que aclara que os resultados de calidade da auga na analítica realizada o pasado 9 de agosto descartan contaminación microbiolóxica na praia de Arealonga. Varios medios de comunicación –entre eles o Xornal da Mariña– fixéranse eco da valoración da Xunta de Galicia sobre os areais da comarca, habendo cinco costeiros e un fluvial nos que non se recomendaba o baño.
Segundo concretan desde o goberno local, “a recomendación (que non prohibición) de bañarse na praia de Arealonga foi entre os días 7 e 10 de agosto de 2020, dado que na segunda análise, do domingo 9 de agosto, os resultados foron satisfactorios e a Consellería de Sanidade deu a orde de retirar os carteis informativos que foran instalados na propia praia recomendando non bañarse”. Os resultados negativos en primeira instancia, expón o executivo municipal, “puideron deberse a un vertido puntual“.