EFE. O secretario xeral de Infraestruturas do Goberno de España, Sergio Vázquez Torrón, visitou este venres o municipio lucense de Barreiros para coñecer de primeira man as demandas do Goberno local, entre as que destacaron unha ligazón directa entre o polígono industrial e as autovías do Estado, un sistema de depuración alternativo de augas residuais ou actuacións de protección do xacemento arqueolóxico da Roda.
En primeiro lugar, Vázquez Torrón visitou este núcleo cultural, situado na parroquia de Santiago de Reinante, onde puido coñecer in situ o estado do mesmo, que “necesita unha actuación para a súa consolidación e protección”. Segundo sinalou a alcaldesa, Ana Ermida, “o proxecto de protección e consolidación da Roda é fundamental para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico no noso Concello, e dese xeito poder avanzar na promoción do territorio desde unha visión respectuosa co medio e o propio patrimonio”.
Outra das cuestións que o Goberno municipal presentou ante o secretario xeral é a “necesidade de contar cun sistema de depuración de augas residuais” nas parroquias de San Miguel e Santiago de Reinante que eviten as verteduras á praia de Arealonga.
Segundo indicaron, este areal, que constitúe a “porta de entrada” ao municipio de Barreiros desde o lado de Ribadeo, sofre “unha importante degradación desde hai anos” nunha zona “especialmente delicada medioambientalmente“. Sobre esta cuestión, tanto a rexedora como a segunda tenente de alcaldesa, a socialista Carmen Veiga, fixéronlle chegar a Vázquez Torrón a proposta de sistema de depuración alternativo que o Goberno municipal tamén presentou ante Augas de Galicia para a súa análise e validación, xa que “supoñería unha importante rebaixa no prezo de execución” e o financiamento por parte dunha administración como a estatal “podería ser moito máis asumible”.
INCORPORACIÓN DE EMPRESAS
Os mandatarios tamén aproveitaron a visita para insistir na necesidade de que nas futuras obras de execución da autovía A-74 na ligazón coa A-8 “se contemple unha ligazón directa ao polígono barreirense”, ao atoparse a escasos metros do previsto. Segundo a alcaldesa, sería “unha obra clave para dotar ao polígono de mellores accesos e facilitar dese xeito a incorporación de novas empresas ao mesmo”. Vázquez Torrón reiterou o compromiso do Goberno do Estado coas necesidades do Concello de Barreiros e comprometeuse a traballar na consecución das demandas trasladadas desde o executivo local.