InicioM.ambiente e PatrimonioMondoñedo licita a redacción do Peprich por 255.000 euros, cun prazo de...

Mondoñedo licita a redacción do Peprich por 255.000 euros, cun prazo de 34 meses

o proxecto de plan especial terá que ser realizado por un equipo multidisciplinar, formado por un mínimo de tres especialistas

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Mondoñedo licitou a redacción do Plan Especial do Casco Histórico de Mondoñedo (Peprich), por un importe de 254.364 euros. O goberno local estima que o documento poderá estar aprobado definitivamente nun prazo de 34 meses desde a formalización do contrato.

Segundo se recolle no prego de condicións, e de acordo co establecido na Lei do Solo de Galicia, o proxecto de plan especial terá que ser realizado por un equipo multidisciplinar, formado por un mínimo de tres especialistas con titulación universitaria de segundo ou terceiro ciclo; deles, polo menos un ten que ser arquitecto e outro enxeñeiro de camiños, canais e portos, ou estar en posesión do grao en arquitectura ou enxeñería de camiños.

O presuposto de licitación do contrato é de 254.364,67 euros, dividido en catro anualidades: 2020, 61.556,25 euros; 2021, 92.334,38 euros; 2022, 92.334,37; 2023, 61.556,25 euros. As propostas cuxo presuposto supere o de licitación serán desestimadas.

A XUNTA FINANCIARÁ O PROXECTO

A financiación do proxecto correrá integramente a cargo da Xunta de Galicia, mediante o convenio establecido polo Concello coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, firmado o pasado 17 de xuño do ano en curso.

O director do equipo redactor, que será un dos seus membros, terá que estar en contacto directo co Concello de Mondoñedo, que poderá convocalo a tantas reunións como considere necesario. Durante o período de exposición ao público do plan, o equipo redactor nomeará unha persoa, coa titulación e coñecemento suficiente do plan, que se encargará de atender a quen acuda a ver o Peprich no Concello. Este integrante do equipo técnico terá que estar como mínimo presencialmente no Concello un día a semana en horario de atención ao público.

A duración do contrato non poderá exceder de catro anos, sen posibilidade de prórroga. Os prazos que se fixan para a execución do contrato, son os seguintes: 12 meses desde a formalización do contrato para a presentación do documento para a súa aprobación inicial; 22 meses desde a formalización para a formulación do documento para o seu envío á Xunta; 34 meses para a aprobación definitiva do plan.

MELLORAS

O prego establece como melloras a valorar o emprego de tecnoloxías 3 D e de xeolocalización. Estes instrumentos permitirán favorecer un acceso público a través da web.

Tamén recolle a valoración de que se achegue a documentación técnica (en soporte individual para cada finca) descritiva da planta e alzado dos inmobles catalogados existentes no casco histórico, que deberá reunir os requisitos de forma e de suficiencia informativa para permitir a inmatriculación dos inmobles no Rexistro de Propiedade e para a tramitación administrativa que garanta a correspondencia entre a realidade física e a realidade catastral.

UN ORDENAMENTO URBANÍSTICO ACTUALIZADO, “PEZA BÁSICA” PARA O DESENVOLVEMENTO MUNICIPAL

O executivo municipal mindoniense explicou a través dun comunicado que saca a contratación a redacción do Peprich co “convencemento” de que “un ordenamento urbanístico actualizado é peza básica para o desenvolvemento sostible e harmónico das cidades, especialmente nos cascos históricos nos que hai valores urbanísticos e patrimoniais que protexer e potenciar”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...