A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentou hoxe tres audioguías ficcionadas sobre os cascos históricos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro. As gravacións, protagonizadas polo grupo de teatro Chévere, narran historias ligadas aos espazos por onde discorre o paseo.
As audioguías, segundo expón o dossier explicativo, son un recurso utilizado con frecuencia no ámbito turístico, un complemento das visitas con guía e teatralizadas. Pero se estas requiren a adaptación a un horario obrigado, as audioguías permiten o seu uso de xeito individualizado, segundo conveña ao usuario.
HISTORIAS DE CUNQUEIRO OU MARUJA MALLO
Chévere, con 30 anos de experiencia e actores como Miguel De Lira, Patricia de Lorenzo ou Pepe Penabade, dará un toque diferente a esta experiencia. A gravación de Mondoñedo está baseada en Álvaro Cunqueiro; a de Ribadeo, no legado indiano; a de Viveiro inclúe personaxes como Maruja Mallo ou Nicomedes Pastor Díaz. Todas durarán arredor de 45 minutos.
A idea é achegar un método diferente e entretido de que o turista poda coñecer a historia das cidades da Mariña. “Imos darlles información de primeira man dunha forma atractiva, coa fin de potenciar a bisbarra”, asegurou o presidente do colectivo de municipios, Alfredo Llano. “Aínda que sabemos que a máxima concentración de visitantes será en verán, queremos que a nosa comarca sexa atractiva desde xaneiro a decembro, durante todo o ano. Así que imos tratar de impulsar o turismo cultural, xeolóxico, etnográfico”, afirmou.
TRES IDIOMAS
As audioguías que presentou a mancomunidade están gravadas en galego, e serán traducidas ao castelán e ao inglés. “Trátase de facilitar a calquera persoa, de onde sexa a súa procedencia, estas visitas teatralizadas”, indicou Llano. A intención é tamén ampliar o número de lugares do programa. “Os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro van ser os tres iniciais, pero hai que ter en conta que hai moito que ver en todos os concellos da Mariña”, avanza o presidente da agrupación.
A Mancomunidade de Municipios da Mariña levou a cabo este proxecto grazas ao convenio coa Deputación Provincial de Lugo. O colectivo presentou as audioguías en Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.