Podemos pide explicacións no Congreso pola batida de lobos de Xove

Os deputados da formación lembraron que a especie "goza de protección" e afirmaron que "non se tomaron medidas preventivas" para frear "as perdas de gando" ocasionadas polo cánido

Lobo. EFE/JESÚS DE LA CALLE

EFE. O grupo confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou unha iniciativa no Congreso dos Deputados para reclamarlle explicacións ao Goberno central sobre a batida de lobos autorizada pola Xunta de Galicia o pasado domingo, día 30 de agosto, no municipio lucense de Xove, segundo informou o colectivo Animalista Libera. Esa iniciativa, impulsada precisamente por Libera, denuncia “a campaña mediática e política contra os lobos na localidade lucense” e responsabiliza ao alcalde da situación.

Os deputados Juan López de Uralde e Antón Gómez Reino lembraron que o lobo “goza de protección internacional, polo menos sobre o papel, e as perdas de gando producidas en Xove son reiteradas nun determinado número de explotacións sen que, a primeira ollada, se tomaran medidas de carácter preventivo ou disuasorio co fin último de fomentar cacerías contra os cánidos”.

Segundo Libera, que reclama a prohibición total de cacerías desa especie, a “Xunta autorizou unha batida sen esixir medidas preventivas aos gandeiros supostamente afectados”. A propia administración autonómica, advirten os deputados de Unidas Podemos, “incumpre o Plan de Xestión do Lobo de 2008 ao non realizar os preceptivos censos, que permitirían ter unha fotografía real do estado das mandas, do seu número e do número total de individuos na comunidade”. Ademais, lembran que “existen fondos europeos dispoñibles para compensar o 100% dos danos xerados por este carnívoro no conxunto do Estado”. A montería foi o pasado domingo, sen que os participantes cazasen ningún exemplar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here