O Concello da Pontenova lanzou un Trivial online co que quere achegar tanto a veciños como a visitantes, estatais ou procedentes do estranxeiro, a historia do municipio. Trátase, segundo expón a delegación de Turismo nun comunicado, de “dar un paso máis na aposta pola dinamización e consolidación turística” no municipio.
O xogo contará con tres fases. A primeira delas estará centrada na Historia mineira do municipio e as súas orixes, dando a coñecer o que foi o maior complexo mineiroindustrial da provincia de Lugo.
En segundo lugar, abordarase a cultura da pesca no río Eo e a vida e lecer na súa contorna; así como a súa riqueza como destino turístico, a través de actividades como a pesca de salmónidos, o cicloturismo pedaleando pola Vía Verde do Eo ou o sendeirismo percorrendo calquera das rutas.
Finalmente, a riqueza como destino medioambiental, pola riqueza do seu patrimonio natural: a biodiversidade que existe nas ribeiras do río Eo, nas Fragas das Reigadas, Teixido ou Muradal.
O PREMIO, UNHA RÉPLICA DOS FORNOS
Como premio, os ganadores de cada fase poderán facerse cunha réplica en miniatura dun dos característicos fornos da capital municipal.