InicioM.ambiente e PatrimonioCervo impulsa unha campaña de voluntariado para recoller lixo en parques, rutas...

Cervo impulsa unha campaña de voluntariado para recoller lixo en parques, rutas e espazos públicos

O xoves será a primeira das actuacións; os interesados poden anotarse por whatsapp

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo, a través das delegacións de Medio Ambiente e de Ecoloxía, anima á veciñanza a participar na campaña de concienciación medioambiental “Coida Cervo”, cuxo eixo principal serán as xornadas de voluntariado de recollida de lixo, “pero tamén haberá charlas, coloquios, actividades prácticas, saídas de campo e campañas para incentivar a reciclaxe selectiva”, sinala o goberno local nun comunicado de prensa.

Logo dunha xornada inicial de proba e toma de contacto que tivo lugar dias atrás para identificar as diferentes zonas nas que se irá actuando, este próximo xoves, 24 de setembro, terá lugar a primeira acción comunitaria aberta ao público. Trátase dun voluntariado de recollida de residuos de dúas horas de duración –entre as 12.00 e as 14.00 horas-; e o punto de encontro será o IES Marqués de Sargadelos. A fin de ter un control do aforo e por loxística da actividade, as persoas interesadas en sumarse á actividade deberán anotarse vía whatsapp no 683.31.59.39.

ACCIÓNS “DÚAS VECES AO MES”

Esta campaña, lembra o Concello, “nace co obxectivo de poñer en valor as boas prácticas individuais no noso día a día no coidado e protección da contorna”. O programa, que terá lugar como mínimo dúas veces ao mes e que naceu para perdurar no tempo, está aberto a toda a veciñanza que desexe sumarse, e irase informando regularmente e con antelación a través das redes sociais municipais das datas, horarios e lugares nos que se irá desenvolvendo; incluíndo parques, rutas de sendeirismo e espazos públicos das zonas rurais e urbanas do Concello de Cervo.

“A Administración local subministrará todo o material necesario para o desenvolvemento da actividade como luvas e bolsas de lixo para realizar a reciclaxe selectiva dos refugallos recollidos ou chalecos reflectantes“, indica o Concello.

Esta iniciativa de concienciación ambiental tamén nos permitirá –tal e como subliñan- “reflexionar e mesmo censurar certos comportamentos incívicos que se producen con frecuencia nas nosas vilas que prexudican a toda a veciñanza e son un atentado contra o noso patrimonio natural”, conclúe o executivo municipal.

ÚLTIMAS

A xuíza chamará “en breve” a declarar aos investigados polo accidente de Xove en abril

A maxistrada titular do Xulgado de Instrución número 2 de Viveiro xa recibiu da...

Foz renova a frota de vehículos con catro novos transportes para o servizo de obras

O Concello de Foz vén de adquirir catro novos vehículos para o servizo de...

Detectado en Xove outro caso de gripe aviaria en gaivotas patiamarelas

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a...

ACISA Ribadeo repartirá 6.000 euros en premios na XIII Festa do Comercio

Acisa ven de presentar a XIII Festa do Comercio. A campaña desenvolverase do 1...