InicioEn ProfundidadeO pasado industrial detrás da Queima dos Fornos da Pontenova

O pasado industrial detrás da Queima dos Fornos da Pontenova

O historiador Miguel Abraira repasa a pouco coñecida historia da industria do ferro, que deixou na vila e na súa contorna un patrimonio aínda por valorizar

Publicada o

- Advertisement -

O vindeiro sábado a Pontenova celebra a queima dos fornos, un espectáculo pirotécnico que volve facer fumear os vellos fornos de calcinación en torno aos que se construíu a vila a comezos do século pasado.

A localidade foi medrando desde a nada ao redor desta infraestrutura industrial que se puxo en marcha para tratar o ferro das minas de Vilaoudriz.

A actividade extractiva dominaba a montaña deshumanizada e pelada de vexetación arbórea ata a zona máis baixa, pegada ao curso do río Eo.

SOCIEDAD MINERA VILLAODRID

En 1879 descúbrese un método para desfosforar o ferro, mediante un novo tipo de forno, o forno Thomas, que revalorizara unha das variedades de mineral localizada na zona (carbonato cloritoso) e suscitara o interese do capital vasco polos xacementos.

En 1900 constituíuse en Bilbao a Sociedad Minera Villaodrid para explotar as reservas, que se extendían ata os montes do Boulloso.

En 1925, os catro fornos da Pontenova completáronse cun quinto, construído cos restos dos dous abandonados no Boulloso

O proceso de calcinación permitía obter un mineral duro con menores impurezas e maior lei de ferro. Os fornos funcionaban de forma ininterrumpida durante meses, no que a empresa denominaba campañas.

Prendíanse ao inicio e mantíñanse acesos ata que un parón nas demandas do mercado ou na posibilidade de abastecemento das cargas provocasen a necesidade de apagalos.

“NON MEDRABA UNHA HERBA”

A continua expulsión de fumes e gases provocados pola combustión dominaba a paisaxe. “Un dos escasos informantes locais cos que puiden falar aclarábame que nas terras máis próximas aos fornos non medraba unha herba”, puntualiza o historiador Miguel Abraira.

O experto escribiu “Contribución á historia das minas de Vilaoudriz, un século despois. Auxe e extinción da industria do ferro na provincia de Lugo”, que nos serve de guía no repaso dunha etapa aínda pouco coñecida nos seus detalles.

O TREN

Un dos maiores retos para o proxecto mineiro foi o transporte do material que tiñan que trasladar ata o porto de Ribadeo para poder chegar aos mercados internacionais.

A empresa optou por construír unha liña de ferrocarril en paralelo ao río Eo. Trinta e catro quilómetros de vía que, ademais de dar saída ao mar a milleiros de toneladas de minerais férricos, se convertiron nun eixo vertebrador e dinamizador da zona.

Os trens empezaron a circular en 1903 e, dous anos despois, comezaron a empregarse tamén para o servizo de pasaxeiros, que acabou converténdose na parte máis rendible e duradeira da empresa chegando a transportar unhas 30.000 persoas ao ano. Era a única vía de comunicación da zona nesa época, cando aínda non existía a estrada entre Lugo e Ribadeo.

O servizo ferroviario incorporou man de obra feminina, no servizo de gardabarreiras

As liñas, que “vestiron unha zona predominantemente agraria con ilusións de progreso”, seguiron en funcionamento despois de paralizarse a actividade nas minas e nos fornos. Resistiu, con dificultades nos últimos anos pola competencia da estrada, ata 1964.

FRACASO INDUSTRIAL

O entramado industrial da Pontenova construírase con miras a un proxecto máis ambicioso que pasaba por aglutinar coa mellora das comunicacións o incipiente tecido industrial do noroeste peninsular onde, aínda agora, se estima que se localizan o 32% das reservas deste mineral en España.

Sen embargo, o contexto internacional, marcado pola Primeira Guerra Mundial, comezou a deixar o proxecto en algo máis efímero e superficial. A partir de 1913, a actividade comeza decaer por mor das dificultades para o transporte marítimo, que se encareceu, e da caída da demanda de ferro en Alemania e Reino Unido, principais destinos da materia prima.

Uns 800 obreiros chegaron a traballar no complexo industrial creado en torno as minas de Vilaoudriz e Boulloso

Ao remate da guerra, a chatarra inundou os mercados, supoñendo unha competencia feroz para a produción de ferro. A situación afogou economicamente á empresa.En 1922, os obreiros, que non recibían os pagos dos seus salarios, realizaron unha folga que paralizou a actividade durante catorce meses.

O movemento sindical fóra adquirindo forza como se deduce das condicións laborais que se describen nun documento sobre as condicións de traballo, onde se fala dunha xornada de oito horas.

A debilidade financeira da compañía chegou a deixar sen suministro de carbón as locomotoras do tren que, segundo se recollen en testemuños da época, tiña que abastecerse da madeira que os traballadores da liña recollían a redor da vía.

Miguel Abraira sinala o alcance deste fracaso industrial nun contexto no que, a priori, se daban ingredientes para o éxito e que daría continuidade a unha tradición do ferro arraigada na zona desde séculos antes con mostras como a ferrería de Bogo. “Nunca saberemos cal sería a situación se as circunstancias fosen outras pero o potencial era importante”, sostén.

“Malia a relevancia deste episodio para a comprensión do devir histórico na industria do ferro en Galicia, durante a miña formación como historiador non escoitei falar das minas de Vilaoudriz mais que de forma anecdótica, e en ocasións moi contadas”, repasa Abraira. “E cando comecei a profundizar no asunto atopeime cun sorprendente baleiro bibliográfico”, engade.

RECURSO PATRIMONIAL

A situación a nivel historiográfico ten o seu correlato no esquecemento xeral. “Mais aló dos maiores que viviron esa etapa, a xente ten un coñecemento moi residual  do que aconteceu e as institucións non se preocuparon demasiado por cambiar isto”, lamenta Abraira.

“Algúns visitantes pensaban incluso que eran maceteiros, construcións ornamentais”, comenta. “A remodelación da praza deulles máis visibilidade aos fornos pero a falta de coñecemento deste episodio fai que aínda moita xente pase por alí  sen saber que está diante dos vestixios dun dos intentos máis serios de industrializar Galicia”.

As galerías, localizables na montaña, conservan parte das ferramentas que empregaban os mineiros

O historiador entende que quedan alternativas por explorar para a posta en valor deste patrimonio industrial, parte del agochado no corazón da montaña onde aínda poden localizarse as galerías feitas a comezos do século pasado para extraer o mineral.

“Como non houbo un desenvolvemento urbanístico na zona esas estruturas seguen aí, escondidas polos eucaliptos, e conservan parte das ferramentas que empregaban os mineiros e incluso as vagonetas. Creo que sería perfectamente posible abrir unha galería ao público en condicións de seguridade, e incorporar ao entorno algúns elementos que axudasen a visualizar e entender as tarefas que se desenvolveron nel”, propón.

TRANVÍA AÉREO

“Son actuacións que non requerirían dun gran investimento pero que poñerían este patrimonio na vida cotiá dos vecinos, e que descubrirían un recurso cultural e patrimonial novo en Galicia”, apunta o investigador. “Mesmo supoño que cabería a posibilidade de recrear o tranvía aéreo que permitía transportar o ferro desde a mina Consuelo ata os fornos do Boulloso por riba do río Turia

“Nun momento no que a sangría de recursos e poboación resulta un feito dificilmente controlable na zona, debe aprenderse a ver que o pasado pode ser o mellor dos recursos sobre o que asentar o futuro, e quizais non resulte posible construír ese futuro mentres non se coñeza e valore debidamente o pasado”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...