Os ecoloxistas: “Alcoa non pode marchar sen saldar a súa débeda ambiental coa Mariña”

Adega lembra que non existe un "proxecto de clausura definitivo" para a balsa de lodos vermellos nin "un plan de descontaminación" para unha comarca "maltrada" a nivel medioambiental

Depósito de lodos vermellos de Alcoa. AXM

EFE. A organización ecoloxista Adega considera que Alcoa non pode “marcharse” sen pagar previamente a “débeda ambiental” que ten coa comarca da Mariña, dado que aínda non existe un “proxecto de peche e clausura definitivo” para a balsa de “lodos tóxicos” resultante do proceso de fabricación de aluminio.

Ademais, recorda Adega, tampouco existe “un plan de descontaminación para unha comarca maltratada” desde o punto de vista medioambiental, como consecuencia de “anos de permisividade das Administracións con esta empresa”. En outubro do 2019, a organización acusaba a Alcoa de “chantaxear” á Xunta de Galicia na solicitude de para renovar a autorización ambiental para exceder os topes de contaminación a cambio de manter o emprego.

“A poucos días do décimo aniversario do desastre ambiental de AjkaHungría-, Adega volve avisar” do risco que supón a existencia da “balsa de lodos de Alcoa” en San Cibrao, Cervo (Lugo).

Tamén avisa de que “as consecuencias dun suceso similar na Mariña poderían ser moitísimo máis catastróficas que no caso húngaro”.

Con todo, “nin a Xunta nin a multinacional foron capaces de despexar aínda a incerteza sobre a restauración e descontaminación dos terreos que ocupa a factoría, logo de 35 anos de actividade“.

“Isto sumado á actual actitude de despotismo que está demostrando a empresa, fai presaxiar o peor, que Alcoa marche deixando o seu pasivo ambiental”, que tería que ser asumido outra vez “pola sociedade galega”.

Por iso, esíxelle á Administración, tanto galega como estatal, que “free calquera intento por parte de Alcoa de marchar de San Cibrao sen saldar a débeda social e ecolóxica coa Mariña”. Insiste en que debe “afrontar todos os custos de estabilización e restauración da balsa e a completa descontaminación e rexeneración dos terreos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here