Armadores de Burela (ABSA) apostou pola modernización e sostenibilidade na súa sé, modificando o seu modelo enerxético para consumir unha fonte de enerxía renovable e non contaminante. Para iso, nunha primeira fase, instalou na súa cuberta unha planta fotovoltaica formada por 360 paneis solares que suman unha potencia total de 144 kWp (kilowatio de pico). É a lonxa privada galega que acometeu a instalación de autoconsumo de maior dimensión, segundo anunciou a empresa EDF Solar a través dun comunicado.
“A planta fotovoltaica, que ocupa unha superficie de 782 metros cadrados da cuberta e que comezou a operar este verán, terá unha capacidade de produción anual de 190.521 kWh a través da captación da enerxía solar que transforma en electricidade. A produción estimada equivale ao consumo medio anual de máis de 60 fogares e supoñerá para ABSA un aforro na súa tarifa eléctrica superior ao 17%“, explica EDF Solar.
A empresa reducirá así o seu volume de emisións de CO2 á atmosfera “en 65 toneladas“, diminuíndo a súa pegada de carbono, concretamente as emisións indirectas ou de alcance 2, que son as derivadas do consumo de electricidade da rede. Isto “terá un efecto positivo na calidade do aire similar ao que xeraría a plantación de 6.478 árbores“, expón a empresa na nota.
Coa instalación fotovoltaica, ABSA “amosa o seu compromiso ambiental ao asumir os retos da transición enerxética e apoiar as normativas vixentes nacionais e internacionais en materia de renovables, preservando o medio ambiente e loitando contra o cambio climático”, prosegue EDF Solar, especializada en sistemas de autoconsumo para empresas.
UN DOS MERCADOS DO SECTOR REFERENTE A NIVEL ESTATAL
A lonxa de Burela é unha das máis importantes de España en comercialización de peixe fresco e líder en Galicia en comercialización de especies como a merluza do pincho, bonito do norte e cabala, comercializando un promedio de 20.000 toneladas ano, procedentes de máis de 300 buques, e contan cun volume de negocio que supera os 65 millóns de euros.