A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que o Consello Galego de Medio Ambiente deu o seu visto e prace ao Plan de conservación do Monumento Natural do Souto da Retorta, no concello de Viveiro. Así, coa superación deste trámite xa se poderá elevar ao Consello da Xunta deste mesmo mes para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor, despois da publicación no Diario Oficial de Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente, que presidiu a reunión deste Consello, celebrado a través dunha videoconferencia, recordou que o Souto da Retorta é un dos oito monumentos naturais de Galicia, situado á beira do río Landro, que marca o límite norte do espazo protexido e ten unha superficie de 3,18 hectáreas.
Vázquez salientou que o plan de conservación ten por finalidade conservar as singulares plantacións de Eucalyptus globulus, de finais do século XIX e principios do XX, e o bosque de ribeira; manter ou restablecer un estado de conservación favorable para os valores ambientais que motivaron a declaración do Monumento Natural no ano 2000; e ordenar o uso público para que sexa compatible coa conservación.
Este espazo forma parte da Rede de Espazos Protexidos de Galicia composta por 97 enclaves protexidos por unha figura de protección, zona de especial conservación, zona especial de protección de aves, parque natural, zonas húmidas ou monumento natural.
O “AVÓ” DE CHAVÍN, RECLAMO
No caso do Souto da Retorta destaca o “Avó de chavín”, de entre 106 e 138 anos de idade, é ademais unha das 150 árbores senlleiras da Comunidade, recollida no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, onde tamén se recolle o Monumento Natural Souto da Retorta como formación senlleira.
Tal e como destacou a conselleira, o “Avó” é un dos eucaliptos máis famosos da xeografía galega, que destaca polo seu tamaño, en altitude (56,5 metros), e en grosor (7,95 metros), así como polo diámetro da súa copa (25,35 metros).
Vázquez engadiu que os monumentos naturais, coma o do Souto da Retorta ou a Praia das Catedrais, tamén presente na comarca da Mariña, son un tesouro de incalculable valor e son tamén un aliado nas solucións á problemática do cambio climático, polo tanto, hai unha dobre razón para coidalos e conservalos.