InicioM.ambiente e PatrimonioCritican que a Xunta protexa o eucaliptal de Chavín cando "esquece biodiversidade...

Critican que a Xunta protexa o eucaliptal de Chavín cando “esquece biodiversidade e parques naturais”

A SGHN censura que o Goberno autonómico dea protección "a un rodal de árbores exóticas" mentres que "71 das 73 especies en perigo de extinción carecen de plan de recuperación"

Publicada o

- Advertisement -

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) criticou este mércores a “prioridade inversa de conservación ambiental” da Xunta de Galicia ao “protexer un eucaliptal” -en referencia á aprobación provisional do Plan de Conservación do Souto da Retorta, en Viveiro– mentres “esquece a biodiversidade e os parques naturais”.

A SHGN lembra que o eucaliptal de Chavín é un monte de dominio público, propiedade da Xunta de Galicia. Foi declarado Monumento Natural en 2020 “pola existencia dun extraordinario rodal de eucaliptos con algún pé dos de maior envergadura de Europa, entre eles o exemplar coñecido como O Avó”.

Posteriormente, o eucaliptal e O Avó declaráronse “formación senlleira” e “árbore senlleira”, respectivamente.

“Sen despreciar en absoluto o seu valor dende un punto de vista da xardinería, non deixa de resultar rechamante tanto interese dunha Consellería, supostamente de Medio Ambiente, para protexer un rodal de árbores exóticas e invasoras sen ningún valor ambiental en Galicia, a máis de 15.000 quilómetros de distancia da súa área de distribución natural“, argumenta a SGHN.

“Máis rechamantes son as comparacións que deixan en evidencia as sorprendentes prioridades en conservación da presunta Consellería de Medio Ambiente”, continúa a agrupación, que lembra que “71 das 74 especies catalogadas en perigo de extinción hai 13 anos aínda carecen de preceptivo Plan de Recuperación. Ao ritmo actual farían falla máis de 400 anos para que todas o teñan”, lamenta.

CENSURAN O AUMENTO DA SUPERFICIE DO EUCALIPTO NAS FRAGAS DO EUME

Engade o colectivo cultural e científico que “118 das 119 especies catalogadas como vulnerables hai 13 anos aínda carecen de preceptivo Plan de Conservación. Ao ritmo actual farían falla máis de 1.300 anos para que todas o teñan”. Por outra banda, “o Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, 28 anos despois da súa declaración, aínda carece do correspondente Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX), sometido a información pública hai máis de dous anos. O Parque Natural das Fragas do Eume, 23 anos despois da súa declaración, aínda carece do correspondente Plan Rector de Uso e Xestión, en tramitación dende hai seis anos”, critica.

“Visto o interese da Consellería de Medio Ambiente por protexer os eucaliptais, semella tan só cuestión de tempo que aprobe o PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume, onde entre 1998 e 2011 a superficie cuberta por eucaliptos aumentou un 19% (Cidras, 2018). Certo é que no mesmo periodo a superficie da fraga atlántica que supostamente protexe diminuíu nun 18%. Pero bastaríalle con cambiar un palabra no nome: Parque Natural do Eucaliptal do Eume”, ironiza a SGHN.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...