O arqueólogo Emilio Ramil escavou tres das seis saunas castrexas que hai en Galicia, as de Cedeira (en Punta Sarridal) e Espasante (no castro dos Prados), e a da Atalaia, en San Cibrao, sobre a que pende a dúbida, concreta, posto que a cata realizada foi parcial, dentro dun control arqueolóxico das obras de saneamento que se estaban a executar. O pasado venres, no marco dunhas xornadas de divulgación organizadas polo Museo Provincial de Lugo, dependente da Deputación, abordou estas tres construcións.
O NORTE GALEGO, RICO NESTAS CONSTRUCIÓNS
Falou en Lugo das saunas castrexas que escavou, en Cedeira, Espasante e San Cibrao, todas ubicadas no norte de Galicia. Pódese dicir que forman parte dun conxunto?
Hai unha diferenza importante porque a situada en Cedeira, no castro de Sarridal, e a de Espasante, no castro dos Prados, escavámolas enteiras. A de Espasante hai 32 anos, e a de Cedeira estamos aínda en plena escavación. De xeito que acompañan un pouco o traballo realizado na Atalaia, cando se atoparon os restos durante a execución da obra de saneamento. A de San Cibrao, con todo, non se puido escavar de todo, polo tanto eu non afirmo categoricamente que se trata dunha sauna similiar ás que se acharon en Cedeira e Espasante.
“non podemos dicir categoricamente que en san cibrao hai unha sauna con tipoloxía de monumento forno”
CEDEIRA: UNHA SAUNA DO S. III a. C.
Que sabemos sobre as saunas castrexas de Cedeira e Espasante?
En Cedeira estamos escavando, facendo traballos de consolidación. É unha investigación moi recente, con moitos datos que nos permiten afirmar tanto polo material que sae como polas analíticas de Carbono-14 realizadas, que estamos ante unha construción de polo menos o século III antes de Cristo. Inicialmente as investigacións das saunas sempre as situaban na influencia do mundo romano, nunha cronoloxía galaico-romana, pero os últimos estudos, tanto en Cedeira como en Asturias, fannos pensar nunha etapa de construción ou de utilización plenamente castrexa.
INTERCAMBIOS DE MATERIAS PRIMAS
En Espasante saíu unha sauna que se escavou integramente, estivo anos abandonada, logo recuperouse. Desde o punto de vista da investigación, son dunha planta semellante, incluso utilizando o mesmo tipo de materia prima: por exemplo, a lousa, que se usa en ambos sitios, que procede das canteiras de Ortigueira, mentres que tamén se utilizou outro tipo de material que proviña das canteiras de Cedeira. Iso fálanos de que había claramente un intercambio de materias primas para a construción de sauxas castrexas, que teñen unha estrutura monumental.
O QUE SABEMOS SOBRE SAN CIBRAO
E sobre a de Cervo?
En Cervo non podemos asegurar que haxa unha sauna coa tipoloxía de monumento con forno das que estamos a falar, como se definen este tipo de edificios. Non se puido investigar completamente. Fíxose un control arqueolóxico no marco dunhas obras de saneamento da rúa Atalaia de San Cibrao, que forma parte dun complexo, Punta Atalaia, que é un castro. Alí localizouse entre 2005 e o 2009, como resultado dunhas obras construtivas, un complexo urbanístico galaico-romano, de entre o século I e o III despois de Cristo. É súper interesante, dado que apareceu cerámica sixilata ben conservada, e mesmo un machado votivo, que non é común que saia nunha escavación.
“o castro da atalaia é moi interesante, con sixilata ben conservada e o achado dun machado votivo, nada habitual”
No 74, froito dunhas obras, penso que de Chamoso Lamas, xa se chegou a escavar e atopouse un edificio complexo, pero non quedou nada escrito agás na prensa. No 2019 fixemos o control da obra e saíron restos, polo que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural quixo que se escavara na zona onde saían eses vestixios, non unha escavación en área completa.
A cata permite pensar nunha sauna castrexa, aínda que con reformas. Como non se fixo algo completo como había que facer, é difícil dicir con rotundidade o que hai aí. Si hai elementos construtivos -restos dunha piscina ou tanque, restos dun banco corrido, un monólito de pedra que recorda ás pedras formosas- que fan pensar que estamos diante dunha sauna, pero mesturados con muros e restos de nichos -“hornacinas”- que non son habituais e que fan pensar que se fixeron cambios posteriores e nunhas termas, algo dun momento máis avanzado.
“na atalaia temos elementos dunha sauna castrexa, pero mesturados con outros de épocas máis avanzadas”
O XACEMENTO, TAPADO
O xacemento tapouse de novo sen afondar na escavación. Cal pode ser o seu estado actual e que pasará con el?
O xacemento tapouse completamente. Patrimonio non permitiu que se meteran canalizacións por debaixo de 40 centímetros, polo que quedou protexido, con xeotéxtil e area de praia. Os restos están aí, o gran problema é que unha cata completa retrasaría as obras varios meses e deixaría aos veciños sen servizo probablemente durante meses, como mínimo dous ou tres. Se en diante, algún día, se chegase a ofrecer ese abastecemento á veciñanza doutro xeito, poderíase facer unha escavación en área. Conservado está, pero fáltannos moitos datos.
“O XACEMENTO ESTÁ CONSERVADO DESDE QUE FOI TAPADO, PERO SEN UNHA ESCAVACIÓN FÁLTANOS INFORMACIÓN”
Eu si creo que se trata dunha sauna castrexa con reformas. O castro da Atalaia ten restos moi complexos urbanisticamente, con muros circulares, muros en ángulo, construcións de todo tipo e pavimentos de varias tipoloxías… E con ocupación ata a Idade Media, pois temos vestixios da caza de baleas, algo medieval e moderno. É lóxico, pois, que haxa unha sauna, con reformas posteriores que a convertesen nunhas posibles termas.
CRONOLOXÍAS AMPLAS DE USO
Era isto habitual?
As reformas sempre van existir alá onde haxa un longo uso, porque en Cedeira, por exemplo, temos unha ocupación documentada desde o século III a. C., polos materiais, estruturas defensivas… Pero temos unha moeda, de Vibia Sabina, a muller do emperador Adriano, o que nos di que o castro do Sarridal utilizouse moito despois, no século II d. C. Son 500 anos de historia.
En Cedeira a sauna está localizada dentro do recinto habitacional, muralla adentro. Non é o caso de Espasante; alí a sauna está no foxo, un dos habituais recursos defensivos; parapetos, murallas e foxos son os elementos de defensa, para evitar nas penínsulas, utilizando que os cantís son unha defensa, que haxa outro tipo de acceso a través de terra firme máis que pola porta construída polos castrexos. Iso dinos que o castro dos Padros é posterior, porque o foxo perdeu entón o seu carácter defensivo, estamos nun momento da pax romana, nunha etapa galaico-romana.
“na ZONA DAS OBRAS NA atalaia atopamos cantos rolados, que se usaban para producir vapor, pero nada de cerámica”
Sobre a posible sauna de Cervo, é moi difícil porque non temos material. O que sabemos do castro fálanos dunha ocupación desde a segunda Idade do Ferro, plena época castrexa, ata a etapa galaico-romana. Pero é que na escavación non recuperamos ningún tipo de cerámica. Si cantos rolados, que teñen que ver coa función de producir vapor; quentados no lume e metido en auga fría, xeraban vapor.
FAZOURO
En todo caso, si que se desprende que hai unha profusión importante deste tipo de construcións.
Desde logo, non é casual que nos castros do litoral da costa norte, tanto no Cantábrico, onde estarían as saunas de Cervo e a de Espasante, e no Atlántico, onde se ubica a de Cedeira, existan este tipo de construcións. Fai pensar que é moi posible que nas penínsulas desta área nas que se ubican xacementos castrexos que teñan unha cronoloxía ampla, como ocorre nestes casos, tamén existan saunas castrexas. O caso é que non se fixeron excesivas intervencións arqueolóxicas, a única que se fixo é a de Fazouro, en Foz, hai anos e cinguida principalmente á zona de murallas adentro. Por suposto, habería que facer escavacións arqueolóxicas para demostrar isto que estou dicindo, pero o caso é que onde escavamos, saíron saunas.
“NON É CASUAL QUE NOS CASTROS DO LITORAL DA COSTA NORTE, TANTO NO CANTÁBRICO COMO NO ATLÁNTICO, HAXA SAUNAS”
BARREIROS
Recentemente, Mariña Patrimonio apuntou a posible existencia dunha sauna no castro da Maradona, en Barreiros.
Non teño dúbidas de que se houbese máis escavacións, atoparíanse máis saunas. Temos un castro na Fonsagrada, en Castañoso, e iso confírmanos que as saunas non se limitan ao litoral. Tiven oportunidade de falar coa xente de Mariña Patrimonio en San Tirso de Portocelo. É máis que posible que así sexa, pero iso ten que confirmalo, coma ocorre nestes casos, unha escavación. Nas fotos de Mariña Patrimonio vese un muro cunha zona absidal e un posible arranque en falsa bóveda; iso pode ser desde logo un forno dunha sauna, pero é que tamén hai fornos de cocción de pan, metalúrxicos… Sen unha cata non se pode afirmar o que hai.
OS SISTEMAS DE BAÑOS CAMBIAN A PERSPECTIVA SOBRE A CULTURA CASTREXA
Que nos din as saunas sobre os castrexos?
A importancia das saunas é que transforma un tanto a visión tradicional de que os avances, sobre todo culturais, viñeron co mundo romano e con influencias exteriores, sexan mediterráneas ou atlánticas. As saunas fannos ver que a poboación autóctona tiña unha forma de vida moito máis avanzada do que nos facían ver.
“ASOCIÁBANSE OS AVANCES AO MUNDO ROMANO. AS SAUNAS DEMOSTRAN QUE A CULTURA CASTREXA ERA MÁIS AVANZADA DO QUE SE CRÍA”
Había saunas de vapor, probablemente menos complexas que a construción de monumento con forno que coñecemos agora, porque en Cedeira estamos comprobando que había un forno cunha cámara de vaporización. Logo esas construcións fóronse complementando, con engadidos como a zona de alimentación ou de traballo, ou a antecámara con banco corrido, pero inicialmente había un sistema de baños que formaba parte da cultura castrexa. Eso é importante, porque pensábase que había un tipo de arquitectura, dunha fase inicial dos castros, que apenas comprendía as casas, estruturas domésticas; cabanas circulares con empedrados e pouco máis. Agora sabemos que non. Había saunas, había edificios de reunión social… O mundo dos castros era máis organizado, estruturado e complexo do que se cría.
Máis de oitenta persoas seguiron, de forma presencial no Pazo de San Marcos ou en liña, a terceira Xornada de Divulgación Científica do Patrimonio. O encontro, inaugurado pola vicepresidenta, Maite Ferreiro, xirou arredor da estrutura e simbolismo das saunas castrexas e reuniu aos investigadores e arqueólogos que estudaron os achádegos deste tipo de construcións, vinculadas a ritos e cultos relacionados coa augas, na provincia de Lugo como o propio Ramil, Luis Francisco, Miguel Ángel López Marcos e Ángel Villa Valdés.