O Concello do Valadouro reduciu os niños de velutina de 400 a preto de 20 nun período de catro anos, segundo espuxo o alcalde, o socialista Edmundo Maseda, que afirmou que o municipio é “o primeiro de Europa” en conter a praga da avespa asiática.
O rexedor resaltou que se acadaron estes resultados cun “trampeo amplo e artesán con botellas de plástico, zume de amorodos e unha bebida alcólica, que pode ser a cervexa”. O custo deste remedio, segundo o goberno local, foi de 400 euros.
Maseda asegurou que na pasada primavera matáronse 1.500 raíñas, que poderían producir outros tantos niños e ata un máximo de 4.500. Na tempada pasada, atrapáronse máis de 350 niños, pois o Concello contabilizou uns 200, os GES de Cervo outros 115 e os abelleiros máis de 60.
CHARLA
O goberno valadourense achegou estes datos na mesa redonda sobre a avespa asiática que se celebrou con motivo da trixésimo primeira edición da Feira do Mel.
Participaron na charla a apicultora María Fé Sixto, o investigador da USC Xesús Feás, o xerente de Serpa, José María Vázquez, e o secretario xeral do PSOE en Lugo, Álvaro Santos Ramos.