O director do proxecto de investigación “Rei Cintolo, Obxectivo 11.000”, o doutor Marcos Vaqueiro, acaba de presentar a memoria do traballo de investigación levado a cabo na cova ao longo deste ano, segundo concretou o Concello de Mondoñedo a través dun comunicado de prensa.
O traballo efectuado na cova no marco do citado proxecto ten por obxectivo principal elaborar un estudo topográfico e morfolóxico. Participan 37 espeleólogos galegos, de diferentes grupos, adscritos maioritariamente á Federación Galega de Espeleoloxía. Tamén se levaron a cabo traballos de monitorización da temperatura da cova nas súas zonas máis profundas. Ademais, estúdase a rede de drenaxe baixoterreña e efectuáronse análises das augas.
Segundo se indica na memoria, un dos feitos máis relevantes da campaña foi a localización de diversos restos óseos en diversas pasaxes e niveis da cavidade. Atopáronse vestixios animais a máis de 49 metros de profundidade e máis de 223 da actual entrada da cova. Os datos preliminares apuntan á presenza de oso pardo nos niveis máis altos da cova, hai uns 9.000 anos. Ata o momento non se coñecía fauna na cavidade de máis de 7.500 anos.
O Concello remarca que a súa “aposta” pola posta en valor da cova “vén de moi atrás e está garantida de cara ao futuro, porque constitúe un recurso arqueolóxico e turístico fundamental para atraer turismo ao municipio”. Así, destaca a iniciativas como a construción dunha pasarela de madeira respectuosa co medio ambiente para facilitar aos turistas o paso a este enclave, distinguido como Destino Turístico Científico, así como a firma dun convenio coa Federación galega de Espeleoloxía que permitiu mellorar o horario e unha maior flexibilidade de acceso á cova. A Federación Galega de Espeleoloxía propuxo a creación dun Espeleoparque na Mariña.