A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, reunirase o vindeiro martes en Santiago de Compostela coa directora de Augas de Galicia para reclamar avances nos traballos de saneamento da ría e do emisario, actuacións comprometidas nun convenio asinado polo concello e o organismo autonómico en setembro de 2016.
A rexedora demandaralle “información e prazos concretos” á nova responsable da entidade, Teresa Gutiérrez, no cargo desde o 8 de outubro. “O saneamento da ría leva tres anos orzamentado pero aínda non se fixo nada”, lamentou Loureiro, quen solicitou a xuntanza a comezos de setembro.
As obras non comezaron malia que nos dous últimos anos se consignaron partidas nos orzamentos do goberno galego
“Os orzamentos son moi pobres pero o problema é que nin sequera se executan”, explicou a alcaldesa en relación coas partidas consignadas estes anos para o saneamento da ría: 1 millón de euros (2017), 250.000 euros (2018) e 466.000 euros (previsión para 2019).
“Acontece o mesmo cos galpóns do peirao, tamén contemplados nos orzamentos destes anos, pero aínda sen derrubar”, expón Loureiro.
TRES MILLÓNS DE EUROS
O acordo asinado para o saneamento da ría e a mellora da EDAR de Viveiro comprometía un investimento de tres millóns de euros por parte do goberno autonómico.
As actuacións previstas pasan por unha nova estación de bombeo en Celeiro, un depósito de retención e pretratamento, a optimización da depuradora e a instalación dun emisario submarino de 858 metros.
A Unión Europea advertiu a España polos verquidos de augas residuais á ría de Viveiro en 2010
DENUNCIAS
Os verquidos do tubo á ría provocaron denuncias dos pescadores deportivos o pasado setembro.
Porén, as deficiencias no saneamento foron sinaladas xa en 2010 pola Unión Europea que denunciou a España ante o tribunal de xustiza comunitario ao constatar o verquido de augas residuais sen sanear ao mar.
PXOM
A rexedora tamén demandará unha “explicación” en relación co informe que Augas de Galicia debe emitir en relación co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Loureiro subliñou a necesidade dunha “previsión” para avanzar na aprobación do documento, “un asunto urxente e esencial” para o concello.