InicioM.ambiente e PatrimonioCentenares de restos cerámicos no xacemento do polígono de Cervo, que ofrece...

Centenares de restos cerámicos no xacemento do polígono de Cervo, que ofrece máis misterios ca segredos

A escavación impulsada por Mariña Patrimonio non atopou estruturas, o que por agora impide datar o sitio arqueolóxico, que podería ser da Idade do Ferro ou de época medieval

Publicada o

- Advertisement -

A escavación na zona de Coído, no polígono industrial de Cuíña (Cervo), confirmou a existencia dun xacemento, aínda que por agora este sitio arqueolóxico ofrece máis preguntas ca respostas aos arqueólogos, que dubidan sobre a cronoloxía e a funcionalidade do mesmo.

Así o expuxo Manuel Miranda, o presidente de Mariña Patrimonio, asociación que co financiamento da área de cultura da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Cervo, titular dos terreos, impulsou a escavación. O máis significativo do xacemento é a enorme profusión de cerámica, xa que os especialistas encheron “máis de 130 bolsas” con restos cerámicos malia realizaren catas pequenas, nunha semana de traballo.

UNHA CERÁMICA “BASTANTE UNIFORME”

Miranda explica que a empresa Gabinete Arqueoloxía Xestión, radicada en Santiago de Compostela, efectuou catro catas en distintas zonas do xacemento, ubicado a uns 20 metros da antiga pista de pádel do parque industrial.

O xacemento foi atopado no 2010 por Mariña Patrimonio. Non foi catalogado pola Xunta de Galicia malia solicitalo a agrupación. Pensábase que a cerámica atopada na superficie puido ser movida cara alá por traballos de remoción de terras, pero os restos cerámicos atopados no subsolo confirman a existencia dun lugar de interese arqueolóxico.

A primeira delas, de aproximadamente tres por dous metros, ofreceu aos especialistas “moitísima cerámica, que xa apareceu ao baixar 20 centímetros de chan”, o que non é habitual. “Tanta cantidade só se atopa nos depósitos de lixo dos xacementos, pero non está claro o por que de que aparecera aquí”, segundo concretou a Miranda a directora da escavación, María Martín.

Posteriormente realizáronse unha cata afastada da primeira zona, que non deixou material cerámico, aínda que si cantos rodados partidos presentes en todo o xacemento, e outras dúas sondaxes intermedias, nas que tamén se atopou cerámica aínda que en menor medida.

A ASOCIACIÓN AGARDA QUE A CATA POIDA “ABRIR ALGUNHA PORTA”

A ausencia de estruturas nas zonas escavadas reduce as posibilidades de datar o xacemento, polo que non se aclara polo de agora a dúbida sobre a cronoloxía do mesmo, que podería ser da Idade do Bronce ou ben de época medieval. Nas vindeiras semanas procederase á catalogación do material, previo lavado, para posteriormente estudalo polo equipo de arqueólogos correspondente.

Visita do alcalde, Alfonso Villares, e da edil de cultura, Dolores García Caramés, á cata. AXM

A primeira vista, expón Miranda, chama a atención que “a cerámica é moi similar, bastante uniforme na maioría dos casos, cando é habitual nos xacementos que haxa varios tipos diferentes. É posible que, de tratarse dun sitio arqueolóxico de época medieval, poidese tratarse dunha pequena produción local, pero por agora non sabemos”, concede.

“Esperemos que poida abrir algunha porta, porque a intención non é que isto quede nunha escavación, senón que se investigue en profundidade o atopado”, afirma Miranda. É a primeira cata que impulsa Mariña Patrimonio, que espera dar a coñecer algún dos segredos do xacemento de Coído.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...