InicioM.ambiente e PatrimonioCervo albergará a terceira planta de biorresiduos de Galicia, que servirá a...

Cervo albergará a terceira planta de biorresiduos de Galicia, que servirá a 15 municipios da Mariña e Ortegal

A Xunta anuncia a licitación, por 140.000 euros, do proxecto básico da instalación ambiental, que terá un orzamento de 5,5 millóns e xerará 1.500 Tn de compost anuais "de alta calidade"

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia licitou este luns a redacción do proxecto básico para a construción da nova planta de compostaxe no Concello de Cervo. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa visita ao polígono de Cuíña, onde se localizará a futura planta, para anunciar o inicio do procedemento, coa licitación por case 140.000 euros, IVE incluído, desta instalación ambiental.

3.500 METROS CADRADOS

Os terreos que albergarán a nova planta -que dará servizo a 15 concellos do arco cantábrico galego- suman unha superficie de case 8.000 metros cadrados, dos cales 3.500 se disporán para a nave pechada que implica esta instalación. Tal e como explicou a conselleira, decidir e fixar o lugar no que se ubicará a terceira planta en Galicia dedicada ao tratamento e xestión dos chamados biorresiduos domésticos, logo da posta en marcha o ano pasado da de Cerceda, no propio complexo medioambiental de Sogama, e de anunciar a licitación da segunda, no concello de Vilanova de Arousa.

A PLANTA PODERÁ TRATAR 3.000 TONELADAS ANUAIS DE RESIDUOS ORGÁNICOS DOMÉSTICOS

A planta de Cervo dará servizo a 15 concellos -principalmente á práctica totalidade dos concellos da comarca da Mariña lucense, xunto co Concello de Mañón, na comarca de Ortegal– e beneficiará a máis de 70.000 habitantes; polo que os beneficios da posta en marcha percibiranse no municipio de Cervo e tamén nas vilas que se sitúan nun radio de 45-50 quilómetros de distancia. Neste sentido, a previsión é que a planta dea emprego na zona a entre oito e dez persoas.

En canto á capacidade da planta, a conselleira indicou que poderá tratar ata 3.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, explicou que o obxectivo é acadar unha produción de 1.500 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

ABRANGUIRÁ TODO O PROCESO

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).

En total, o investimento previsto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na posta en marcha da instalación proxectada no polígono de Cuíña ascenderá a 5,5 millóns de euros e, como lembrou a conselleira, está previsto construír outra plantas no sur de Ourense, co fin de poder ofrecer o mesmo servizo en todas as provincias e cubrir a totalidade da Comunidade galega.

Na súa intervención, Villares quixo agradecer á Xunta de Galicia “por escoller o noso municipio, no epicentro da Mariña, para situar esta nave que dará servizo a 70.000 persoas; e que vai en consonancia coas directrices que nos marca Europa co horizonte posto 2023 como data para lograr esa transformación na xestión dos nosos residuos en consonancia co medio”.

“En Cervo –engadiu- levamos máis dunha década con políticas medioambientais que van na liña de tentar contribuír a frear o cambio climático coa campaña de compostaxe doméstica que temos en marcha na que xa participan más de 200 familias, coa xestión pública dos residuos ou coa plantación de árbores autóctonas nas fincas municipais, entre outras medidas, “polo que a situación desta planta cobra aínda máis significado para nós; é unha satisfacción e un impulso para seguir a traballar neste camiño”, concluíu.

REFORMA DA MICROPLANTA DE RIOTORTO

A conselleira incidiu en que nos orzamentos do seu departamento para 2021 resérvase unha partida de 31,4 millóns de euros para “seguir avanzando cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos que sitúe a Galicia á vangarda de Europa nesta materia”.

Desta partida global, cinco millóns irán dirixidos a transformar as cinco microplantas de transferencia coas que conta actualmente Sogama –localizadas en Ponteceso, Curtis, Riotorto, A Lama e A Cañiza– “en instalacións máis eficientes e con maior capacidade, aumentando as taxas de reciclaxe e reducindo as emisións de CO2, e outros 25 millóns dedicaranse a fomentar a compostaxe na Comunidade a través das tres novas plantas de biorresiduos proxectadas nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...