InicioM.ambiente e PatrimonioPersoeiros de Mondoñedo asinan contra o proxecto de reforma da Praza da...

Persoeiros de Mondoñedo asinan contra o proxecto de reforma da Praza da Catedral: “así, non”

Uns 30 mindonienses piden un "consenso imprescindible" sobre unhas obras que "alterarían irreversiblemente" o centro neurálxico da cidade e que "inciden en defectos" do pasado

Publicada o

- Advertisement -

Arredor dunha trintena de mindonienses vinculados ao mundo da cultura, as artes, o asociacionismo e a política veñen de redactar un manifesto crítico co proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo impulsado polo Concello.

Entre outras cousas, os asinantes alegan que o proxecto “non foi sometido previamente de maneira formal e coa publicidade axeitada á consideración da veciñanza“. Formacións da oposición coma o BNG amosáranse críticas con este punto, mentres que o Concello deu, trala presentación do pasado 17 de decembro, dez días para presentar alegacións ao proxecto.

As actuacións previstas, xa na fase final procedimental, cos permisos e trámites ultimados, inclúen a ampliación do Cantón Grande desprazando as escadas dous metros cara a Catedral e adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior; disporíanse dúas rampas para favorecer a accesibilidade; ao mesmo tempo tamén se contempla o traslado dos taxis a outro lugar sen definir da contorna e eliminar os colectores do lixo da praza, así como cortar esta ao tráfico.

Os asinantes entenden que as actuacións promovidas polo goberno local “reducen considerablente os espazos diante da fachada de catedral” e “alterarían de xeito dificilmente reversible a estrutura, fisonomía e usos actuais deste espazo urbano, parte dun Conxunto Histórico-Artístico e Patrimonio da Humanidade dos Camiños a Santiago“.

ORZAMENTO “INSUFICIENTE”

Deste xeito, argumentan que “para afrontar calquera reforma desta envergadura nun lugar tan sensible e emblemático tense que partir dun debate aberto e transparente coa veciñanza”. Trala consulta a “diferentes técnicos”, no manifesto obsérvase ademais que o orzamento previsto -arredor de 260.000 euros-, “incluída a partida achegada polo Ministerio de Transportes, é notoriamente insuficiente“, de modo que “será preciso amplialo de xeito e incremento orzamentario na obra terá que ser asumido polo Concello de Mondoñedo”.

Deste xeito, reclaman que as actuacións parta “do marco dun proxecto global de cidade” cun carácter “humanizador no que converxan a memoria, a historia, o presente e o futuro que pretendemos para Mondoñedo”, e censuran que as obras “non van, como se afirma, na dirección de recuperar a fisonomía da praza anterior a 1968 senón que, ao contrario, incide nos defectos da que se realizou naquel entón”.

Así, cren que “a necesidade de resolver problemas como accesibilidade, saneamento, recambio de pavimentación ou mellora de iluminación poden levarse a cabo sen necesidade de realizar actuacións tan lesivas e cun elevado custo económico”.

PROPOÑEN A REALIZACIÓN DUN CONCURSO DE IDEAS

Os veciños de Mondoñedo que asinan o texto ofrecen propostas, como “no caso de considerarse necesarios cambios ou melloras, comezar cun traballo de campo exhaustivo que permita definir e valorar necesidades e rematar avaliando distintas solucións (a través de, por exemplo, un concurso de ideas) a fin de conseguir o maior concenso social en tan delicada empresa”.

Ademais, salientan que “calquera proposta de reforma neste sentido debe considerar a praza no seu conxunto como un ben patrimonial singular e único, lugar de fundación da propia cidade, integrador de todos os seus espazos, cada un coa súa historia (lugar de decapitación de Pardo de Cela, antiga sede do concello, residencia e museo de Cunqueiro, Catedral, Pazo bispal, estatua de Cunqueiro…)”. Por este motivo, subliñan que “é imprescindible a previa descrición dos usos previstos a medio e longo prazo”.

RECOLLIDA DE SINATURAS

“Unha reforma nun espazo tan simbólico e tan sensible para o funcionamento da cidade como a Praza da Catedral, debe facerse co consenso imprescindible da cidadanía, coas máximas garantías democráticas. Así non”, conclúen os mindonienses asinantes do escrito, que anuncian que habilitarán unha recollida de sinaturas, tanto presencialmente como a través da rede, “para que todas aquelas persoas que o desexen podan sumarse ao manifesto”.

Apoian o texto persoeiros como, entre outros, o artista e deseñador de Sargadelos Xosé Vizoso, Fillo Predilecto de Mondoñedo, ou os propiso ex alcaldes do municipio, Orlando González Cruz e Javier Loira Rúa. Tamén Alicia Puchades Tella-Villamarín; Alvaro Franco Vázquez; Ángel Díaz García; Antón Xosé Meilán García; Beatriz Martínez Gayoso; Daniel Río (Caxigueiro); Ernesto González Torterolo; Francisco Javier Bouso; José Chao Vega; José Manuel Arias Fernandez; Julio Rodríguez Leiras; María José Martinez Anello; Manoel Baña Castro; Manuel Ramón García Martín; Margarita Bermúdez Rubiños; María Consuelo Fernández Reigosa; Mario Bernardo Lage Muíño; Mauro Leivas Rivas; Mercedes Teijeiro Gato; Miguel Chao Míguez; Miguel Souto Cabana; Modesto Díaz García; Natividad Magdalena Domenech Gruñeiro; Pablo Rodríguez García e Xusto Fernández Haro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...