InicioM.ambiente e PatrimonioO BNG de Mondoñedo oponse a desprazar o muro norte e a...

O BNG de Mondoñedo oponse a desprazar o muro norte e a ampliar o Cantón Grande da Praza da Catedral

A formación nacionalista presentou alegacións ao proxecto de reforma do espazo máis emblemático da cidade

Publicada o

- Advertisement -

BNG de Mondoñedo anunciou o rexistro de alegacións e suxestións ao proxecto de reforma da Praza da Catedral antes de que o grupo de goberno “tome unha decisión definitiva” sobre as obras do mencionado espazo. Un plan que colleitou o rexeitamento dun grupo dunhas 30 persoas de distintos ámbitos da cultura, o asociacionismo e a política.

O concelleiro dos nacionalistas mindonienses, Eloi Cabanas, destacou que as actuacións previstas afectan “ao lugar máis emblemático da cidade”, polo que a súa posible remodelación “debe efectuarse tras unha profunda reflexión, sen precipitacións provocadas por oportunismos circunstanciais e con solucións que non sexan exclusivamente obras”.

O BNG considera que “este debate sería moi interesante se a fin fose buscar a mellor solución sobre o modelo de mobilidade que queremos ter no futuro nas rúas do casco, pero mentres non haxa un consenso maioritario ao redor do proxecto, non é prioritario andar movendo 2,5 metros o muro norte onde está a balaustrada ou dous metros a escalinata do cantón grande. Deste xeito, para os nacionalistas, “a conformación actual da praza debera manterse polo momento co mesmo aspecto que ten na actualidade”.

O BNG entende que “para estudar a necesidade de reforma da praza e antes de encargar o proxecto fora moito mellor realizar reunións previas coa veciñanza, pero o certo foi que non se estableceu así nun principio. Agora temos un proxecto co visto bo de Patrimonio, a financiación do Estado para cometer as obras de remodelación da praza e o Concello, apurado polos prazos legais para executar as obras, dando un tempo de dez días para formular alegacións e suxestións as actuacións previstas”, lamentan os nacionalistas mindonienses.

CENSURA QUE O CONCELLO “RENUNCIE A PROPOÑER UN PLAN DE MOBILIDADE”

O BNG apunta que en novembro do 2019 defendeu unha moción para que antes da aprobación definitiva se puxera a exposición pública o proxecto e que se concretaran as modificacións necesarias da circulación do tráfico polas rúas adxacentes á praza así como o novo enclave da parada de taxis unha vez prohibida a entrada de coches á Praza da Catedral. O grupo de goberno emendou a proposta propoñendo tamén a creación dunha mesa de traballo na que se puideran achegar propostas e traducilas ao proxecto. “Non se cumpriu o acordo plenario e máis de un ano despois da súa celebración aínda non temos unha solución clara e definitiva derriba da mesa de como vai quedar a praza”, critica o Bloque mindoniense.

Segundo o BNG, o Concello “só presenta obras de reforma e renuncia a propoñer un plan de xestión da mobilidade no entorno que dea solución a todo o tráfico rodado que conflúe na praza. Somos conscientes que o novo ordenamento non é nada fácil pero debe pasar necesariamente por asegurar a accesibilidade dos residentes da zona e ás actividades económicas, eliminando o tráfico de paso para orientalo a vías exteriores principais xunto co fomento de zonas de aparcamento alternativas”, expoñen os nacionalistas.

PEONALIZACIÓN

Deste xeito, o Bloque formula as súas propostas. Sobre a peonalización da praza, considera “positivo a eliminación do tráfico; esta medida contribuiría a crear unha zona máis de esparexemento no casco e o lugar deixaría de ser unha zona de tránsito a outras zonas da cidade tal e como acontece na actualidade”. Aínda así, matizan que esta medida “debera ir ligada a un plan global de mobilidade das rúas do casco tendo en conta zonas de aparcamento dirixidas a residentes e visitantes. Para iso, antes de sacar conclusións, sería necesario realizar unha compilación de datos como a medición do tráfico nas rúas e un estudo de hábitos de mobilidade no entorno”.

PARADA DE TAXIS

No tocante á parada de taxis, “o cambio de ubicación debe ser consensuado cos taxistas e a decisión debe tomarse buscando o interese xeral e o beneficio de todos”, xulgan.

No que atinxe á balaustrada do muro norte, Cabanas expón que “segundo a memoria do proxecto, a actuación supón trasladar o actual muro 2,5 metros cara a praza coa idea de habilitar un paseo superior que non interfira o paso dos vehículos pola rúa. Pensamos que pode haber alternativas que impidan o avance do muro cara a catedral e tendo en conta que o treito da rúa Pardo de Cela que discorre a carón da balaustrada é de dobre dirección, poderíase aliviar o tráfico nesa zona permitindo a circulación nun único sentido“.

Sobre a ampliación do Cantón Grande, “as obras consisten en desprazar dous metros cara o centro da praza as escaleiras do cantón para permitir o paseo na zona superior.
Parécenos moita obra de reforma para gañar só 80 metros cadrados máis de Cantón. O problema xurde pola mala planificación do concello coa distribución das terrazas que impiden o tránsito a pé dos peóns e, para garantir a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida, non se propoñen outras posibles alternativas como podería ser a colocación dun ascensor que salve a pendente entre o Cantón e a rúa Lence Santar ou a construción dunha pequena rampla de acceso ou plataforma elevadora pola zona sur”, argumenta o BNG.

OBRAS COMPLEMENTARIAS

Finalmente, respecto das obras complementarias do proxecto de reforma da Praza da Catedral, Cabanas indica que “ademais das obras maiores recollidas no proxecto, propóñense outras intervencións menores como son a limpeza e restauración do canal de desaugue que conduce a auga dos cantóns, a substitución da canalización de saneamento na rúa Pardo de Cela, a eliminación dos contedores soterrados, restauración dos farois dos soportais e a colocación doutros novos, colocación de focos incrustados no pavimento da praza próximos á fachada da catedral ou a renovación do pavimento deteriorado. Actuacións, estas si, que nos parecen positivas e que poden mellorar o aspecto e a funcionalidade deste espazo urbano”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...