O Concello de Viveiro anuncia que o próximo luns, 25 de xaneiro, entrará en vigor a ordenanza sobre a regulación do tráfico no casco antigo do municipio. Dita normativa fora aprobada polo pleno da corporación o pasado 1 de decembro de 2020.
Coa entrada en vigor de dita ordenanza, as entradas e saídas ao casco antigo realizaranse polas rúas referidas no plano axunto. Así, Maruxa Mallo e Irmáns Vilar Ponte serán os principais puntos de entrada e saída ao casco antigo.
Este mapa tamén figurará no reverso dos Distintivos de Acceso Restrinxido. A veciñanza poderá solicitar estes distintivos nos seguintes supostos:
- Usuarios de garaxes (Distintivo G).
- Titulares de establecementos comeciais (Distintivo EC).
- Servizos de distribución e reparto (Distintivos D e DP).
- Mercado semanal (Distintivo M).
- Acceso a persoas con dificultades de mobilidade temporal ou definitiva (Distintivo MR).
- Servizos esencias para a comunidade (Distintivo S).
- Residentes (Distintivo R).
- Empresas de servizo de comida rápida, reparto asistencial de comida a domicilio, reparto urxente de medicinas (Distintivo RR).
- Obras (Distintivo O).
- Eventos e celebracións (Distintivo EV).
- Autorizacións extraordinarias (Distintivo EX).
A partir do 25 de xaneiro, o Concello de Viveiro habilitará un modelo de solicitude que estará dispoñible no rexistro municipal, na sé electrónica e na páxina web do Concello. Tamén se indicará a documentación que se deberá achegar en cada suposto.
DEBERÁN TRAMITARSE DE NOVO TODOS OS PERMISOS DE ACCESO
Dende o Concello de Viveiro expoñen que as solicitudes de acceso ao casco tramitaranse “no menor tempo posible, pero recordan que teñen que expedirse de novo todos os permisos de acceso, o que levará un certo tempo”.
Ademais, o goberno municipal traslada que, nas primeiras semanas, a Policía Local “realizará unha labor de información e concienciación para a adaptación íntegra ao establecido nesta ordenanza”.
Dende o Concello de Viveiro “pregan aos interesados que soliciten os distintivos de acceso restrinxido o antes posible e que leven consigo a copia da solicitude cando circulen polo interior do casco antiguo, mentres non dispoñan da autorización e do distintivo. Ademais, o goberno local recorda que se deben cumprir os requisitos establecidos na ordenanza, tanto en materia de horario como en tempo de permanencia, así como outras cuestión reguladas na mesma”, finaliza o executivo municipal.