O PP de Foz presentará unha moción no Concello para reclamar da Deputación o deseño e execución dun plan para a mellora do entorno da igrexa de San Martiño e do barrio de Caritel. Así o anuncia a concelleira popular Verónica Soto, que tamén adianta que o PP defenderá unha moción no mesmo sentido no pleno provincial.
Os populares destacan que o concello de Foz “ten un importante patrimonio histórico, que debe ser coidado e posto en valor polas diferentes administracións públicas. Neste termo municipal atópanse varios xacementos castrexos e diferentes edificios singulares. De entre todos eles destacan dous bens declarados de interese cultural galego: o castro de Fazouro (dende 2017) e a igrexa de San Martiño (dende 1931).
A concelleira do PP sinala: “O Partido Popular pretende que o pleno se manifeste a favor da recuperación do entorno do conxunto histórico de San Martiño de Mondoñedo e máis particularmente do barrio do Caritel. A rúa que atravesa o barrio do antigo Mindunieto, que dá nome a unha das sés máis antigas de Galicia (Mondoñedo), está en moi mal estado e pavimentada en formigón dende hai moitos anos e, o aparcadoiro da basílica, en asfalto mal conservado. Chama a atención que un entorno con tanta historia non estea pavimentado en materiais nobres, en concordancia coa maxestosa basílica de San Martiño, que preside o barrio”, argumenta o partido conservador.
Soto lembra que “o propio cronista oficial, Suso Fernández, leva tempo demandado unha actuación para readaptar os baños que se instalaron na área recreativa, que nada teñen que ver coa configuración estética do que hai ao redor”.
OS CONSERVADORES QUEREN EXIMIR DO FINANCIAMENTO A XUNTA E ESTADO
Deste xeito, anuncia que “nunha moción que presentaremos no próximo pleno pediremos que a Deputación de Lugo prepare un plan rigoroso de recuperación do entorno do barrio do Caritel; entendemos que debe ser o ente provincial o que o faga, porque o resto de administracións públicas, nos últimos anos, si axudaron a poñer en valor a que se di que é a catedral mais antiga de España. Recentemente a Xunta creou o Centro de Interpretación de San Martiño, despois de que o Estado realizara unha magnífica obra de rehabilitación da propia basílica”, argumenta.
Así, engade que “cremos que son competencias propias da Deputación porque, ademais das meramente culturais, o ente provincial é titular das dúas entradas que rodean e comunican o barrio e que dan acceso tanto aos aparcamentos como á propia rúa”. Os populares de Foz pedirán o apoio dos partidos representados na corporación municipal e o grupo provincial do PP levará ao pleno da Deputación unha iniciativa no mesmo sentido, que defenderá o portavoz popular tanto no Concello como en San Marcos, Javier Castiñeira.