A Mariña pisa forte en historia e patrimonio. Ademais das xornadas de arqueoloxía marítima española celebradas esta fin de semana pola Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas) en Viveiro, un cento de persoas de toda Galicia estiveron en Xove para coñecer unha parte da costa máis indómita e fermosa desta comarca.
Foi no marco do proxecto Rutas de Historia, un proxecto de valorización do patrimonio e da historia de Galicia.
A pesar do temporal do venres, os asistentes á andaina disfrutaron dun fermoso día durante o sábado que os levou a coñecer a costa de Xove durante o roteiro “Na procura dos castros que dominaron o mar da Mariña”.
PARTICIPANTES DE TODA GALICIA
O presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda, guiou a ruta. Os visitantes chegaron desde A Coruña, Vigo, Santiago, Verín, Ames, Pontevedra, Arteixo e desde distintos puntos da provincia de Lugo.
Durante a visita, os participantes subiron ao maxestuoso castro do Coto da Vela de Morás. Dende alí colleron un sendeiro costeiro ata chegar ao singular porto de Portocelo.
Continuaron camiño cara ao castro e ás ruínas da antiga igrexa de San Tirso e subindo pola Pena Sombrereira, chegaron ao Monte Castelo. Desde alí divisaron unha fascinante paisaxe de boa parte da costa da Mariña, co cabo de Estaca de Bares a unha beira e a illa de Ansarón, no outro.

Rematado o roteiro, os participantes xantaron nun restaurante de San Cibrao, en Cervo, onde xa pola tarde coñeceron o Castro da Atalaia e a loita de Mariña Patrimonio para paralizar o urbanismo desaforado que destruíu parte deste ben.
Tamén visitaron unha das poucas carpintarías da ribeira que aínda traballan en Galicia con barcos de madeira. Ademais, boa parte das persoas que acudiron a estes roteiros pernotaron en establecementos da zona.
VALORIZACIÓN DA HISTORIA E O PATRIMONIO
A recuperación do patrimonio oculto que atesoura Galicia é a base do proxecto Rutas de Historia que puxo en marcha a súa segunda xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio.
Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.
Neste sentido, Rutas de Historia, realizou oito andainas históricas polas catro provincias galegas, delas, cinco na provincia de Lugo.
A idea é fixar na poboación que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea.

ASOCIACIONISMO
Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca e da Deputación de Lugo, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio.
Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento, a Asociación María Castaña ou o Colectivo Capitán Gosende.
Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.