InicioM.ambiente e PatrimonioBurela prepara o seu PACES, o plan para aliviar o impacto do...

Burela prepara o seu PACES, o plan para aliviar o impacto do cambio climático no municipio

O Concello proporá medidas para a eficiencia enerxética, minimizar o CO2, potenciar o uso das enerxías renovables ou avanzar cara a economía circular na xestión de augas e residuos

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela prepara o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES). Os técnicos de Medio Ambiente do executivo municipal agardan ter listo o borrador do documento o vindeiro mes de setembro. O obxectivo que persegue co protocolo, expón o goberno local, é minimizar o impacto do cambio climático no municipio. Trazar estratexias para acadar a eficiencia enerxética en ámbitos de dominio público, minimizar o CO2 a partir dun estudo de redución de gases por sectores económicos, potenciar o uso das enerxías renovables ou avanzar cara o ideal de economía circular na xestión de augas e residuos son algúns dos puntos que se pretende abordar.

Xacobo Casal, técnico municipal de Xestión de Medio Ambiente de Burela, explica que “é un compromiso que se adquire unha vez que se subscribe o Pacto dos Alcaldes polo Clima. Do que se trata é de establecer unha valoración analítica da situación tanto desde o punto de vista da eficiencia enerxética a nivel municipal como desde o punto de vista da incidencia climática para despois implementar a través dese plan unha serie de accións para facer fronte a todas as realidades que están a incidir no cambio climático”.

“Queremos que sexa un traxe que se axuste ás verdadeiras necesidades de Burela, que sexa realista e que se acaden eses obxectivos con accións prácticas”, engade.

UN DOCUMENTO QUE PRETENDE SERVIR DE GUÍA ATA 2030

Casal sinala que “as autoridades locais o que fan é comprometerse a realizar este Plan de Acción nun período de dous anos desde que se subscribe o Pacto dos Alcaldes. No caso de Burela iso ocorreu o 30 de abril de 2020. O goberno municipal decidiu que se realizase a través de medios propios, porque quere facer un documento que responda aos criterios e requisitos que establece o acordo, pero quere dar un paso máis aló facendo un documento estratéxico e exhaustivo que sexa a guía durante o período 2020-2030 para o conxunto do concello”, expón.

Cristian Pérez, enxeñeiro de montes que como bolseiro que está a traballar no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible do Concello de Burela, concreta que se pretende “avanzar cara a sostibilidade mediante a busca dunhas medidas que se consideren efectivas e que actúen na mitigación do cambio climático, seguindo os criterios que se adecúen ao propio municipio. O plan comprende estratexias e accións de mellora nos ámbitos enerxético e ambiental e pretendemos facer un nexo co ámbito económico e social”, remarca.

Sobre os obxectivos do PACES, indica que “ademais dos obxectivos xenéricos que se recomenda desde a Unión Europea, como son o inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro, vaise plantexar un plan de minimización ou de descarbonización do CO2, a partir dun estudo por sectores económicos. Imos contemplar o sector doméstico, o industrial, o terciario, o residual e o de transportes“, precisa.

O GOBERNO LOCAL ASPIRA A QUE O BORRADOR ESTEA LISTO EN SETEMBRO

No tocante aos obxectivos específicos, en relación co propio municipio, o enxeñeiro subliña que “serían de eficiencia enerxética en ámbitos de dominio público, tratando de minimizar un impacto importante no medio ambiente e valorar a produción de enerxía a partir de recursos propios endóxenos como poden ser as enerxías renovables que se comprendan dentro do concello. Tamén trataremos de minimizar e xestionar, ata onde sexa posible, o tema de augas e de residuos en favor dunha economía circular e de facer unha análise e viabilidade técnico ambiental, económica e social dos sectores do propio municipio. Xa estamos a desenrolar propostas de recuperación e rexeneración de zonas ambientais mediante a implantación de árbores frondosas autóctonas. E vaise plantexar unha alternativa de ordenación e territorios sostibles. E un dos puntos máis importantes, e que queremos facer chegar á cidadanía, é que queremos integralos, conciencialos, sensibilizalos e favorecer a participación cidadá”, afonda Pérez.

Malia que o límite para telo listo é abril de 2022, a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, agarda que “o borrador estea listo en setembro para sometelo á consideración dos sectores económicos, sociais e políticos para que presenten as súas achegas e que sexa un documento de consenso, útil e realizable”.  Despois da tramitación administrativa será sometido á aprobación do pleno.

REPOBOARASE CON FRONDOSAS A VILA DO MEDIO

Eijo subliña que “seguimos coa plantación de árbores frondosas autóctonas por Burela, tal e como fixemos nas inmediacións do Concello e no Monte Caselo hai unhas semanas, estamos a seguir agora por localizacións como a Vila do Medio. Trátase dunha medida importante, que tamén se enmarca neste Pacto polo Clima. E cos nosos obradoiros estamos a levar adiante un intenso traballo de mellora dos parques de Burela”,

O alcalde burelao, Alfredo Llano, manifesta que “haberá medidas a curto, medio e longo prazo. Entendo que no seu conxunto debe ser algo moi bo para o noso concello”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...