A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Foz anuncia a instalación de contedores para a recollida de tapóns. Estes elementos de refugallo, segundo concreta o goberno local focego, serán posteriormente xestionados pola Asociación de pais ou tutores de persoas con discapacidade intelectual de Lugo (Aspnais).
O goberno local continúa así coa promoción da recollida selectiva e a eficiencia na xestión de residuos. Ademais das campañas de compostaxe doméstica realizadas, e do inicio da compostaxe comunitaria, recentemente iniciáronse as de recollida de téxtiles coa instalación de contedores de roupa usada en varios puntos do Concello tanto na vila como nas parroquias e no punto limpo.
“A importancia da separación adecuada e da reciclaxe e evidente neste tipo de material, máis importante canto máis puro, especialmente nos plásticos. Nos residuos do contedor amarelo (plásticos, aluminio ou metais férricos) mestúranse e compáctanse materiais diversos que despois deben ser separados. Isto implica que un tapón no modelo actual de xestión de residuos da Xunta de Galicia poda ser reciclado con menos dun 15% de probabilidade, no restante 85% dos casos rematará no vertedoiro, a incineración ou nunha illa de plástico no Pacífico”, concreta o concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Francisco Xavier Fanego.
“Ao recoller tapóns de xeito separado como propoñemos, ao resto de residuos, entrégase ao reciclador exclusivamente plástico e por riba casi todolos tapóns son de polietileno de alta densidade (2 – HDPE). Deste xeito, unha mezcla homoxénea do mesmo polímero recíclase para conseguir o mesmo plástico, asegurándonos así que sexa realmente reciclado”, engade.
PROPOSTA DE FOZ PLATAFORMA DE FUTURO
A Concellería de Medio Ambiente apoia deste xeito a proposta de Foz Plataforma de Futuro para a recollida selectiva deste material e promove “un uso solidario, incidindo asemade na importancia da selección axeitada dos residuos para unha mellor xestión dos mesmos. Os puntos de recollida son nas Casas da Cultura e Xuventude, Cenima, edificio social e o consistorio para remisión posterior a Aspnais Lugo”, conclúe Fanego.