A catalogación microbiolóxica mellora de C a B estable en dúas zonas consecutivas da ría de Viveiro

Son a parte media e interna do estuario; o marisco que se extraia poderase comercializar previo paso por unha depuradora

Ría de Viveiro. AXM

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción marisqueira permitiu cambiar a catalogación microbiolóxica de C a B estable en dúas áreas de Viveiro, segundo expuxo a Xunta de Galicia a través dun comunicado de prensa.

Isto permite comercializar o marisco extraído nestas áreas previo paso por unha depuradora, “o que reduce os prazos para a súa posta no mercado, pois os produtos procedentes de zonas clasificadas como C deben ser sometidos a un proceso de depuración natural mediante reinstalación en batea para poder ser comercializados en fresco”, subliña o Goberno autonómico.

O delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo, Javier Arias, explicou que esta decisión “é consecuencia da melloría na calidade da auga, especialmente dos parámetros relativos á contaminación pola bacteria E.coli, o que facilitará o traballo dos mariscadores ao reducir os prazos de depuración dos produtos extraídos”. Neste sentido, lembrou que a Consellería realiza controis de todas as zonas de produción a través do Intecmar, co fin de garantir a idoneidade dos produtos alimentarios extraídos do mar.

O cambio de catalogación afecta en concreto a dúas zonas consecutivas. Dunha banda, a parte media da ría de Viveiro, entre a liña imaxinaria que une a punta externa do porto de Celeiro coa Pena de Roo e a liña que pasa pola ponte da Misericordia; por outra banda, a parte interna, desde este punto da ponte cara ao interior da ría.

O marisqueo a pé é unha actividade que apenas conta cunha profesional no municipio viveirense. Arias afirmou que “a nova clasificación é unha boa nova para Viveiro, tanto porque pode axudar a dinamizar esta actividade na zona como polas implicacións medioambientais que entraña”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here