O Concello de Viveiro anunciou a través dun comunicado de prensa que a Fundación COPADE está a realizar un proxecto sobre o desenvolvemento rural no municipio, dada a representatividade do municipio na industria forestal.
A iniciativa, titulada ‘Alianza para la conservación del monte mediante la generación de un mercado responsable‘, realízase en colaboración con Ence, FSC España, Azentúa, Fundación Global Nature e a Unión Sindical Obreira.
No marco deste proxecto, a fundación está a realizar unha diagnose da actividade agrogandeira, forestal e turística no territorio.
“Concretamente, céntranse no traballo de grupos produtores e bens agrogandeiros, forestais e turísticos sostibles potencialmente ofertables. O obxectivo do estudo é aumentar os criterios de calidade e comerciabilidade destes sectores, aplicando certificacións ambientais e de sostibilidade, aumentando o impacto positivo no desenvolvemento social e económico da zona”, concreta o goberno municipal.
Para levar a cabo este diagnóstico, dende a fundación propoñen unha serie de entrevistas con produtores e produtoras destes sectores, así como con comercios que vendan produtos ecolóxicos, de proximidade ou incluso de turismo sostible.
A fundación desprazarase entre o 15 e o 17 de marzo para realizar ditas entrevistas no municipio de Viveiro. Co obxectivo de asegurar un estudo representativo do estado do sector en A Mariña, o Concello anima a todos os produtores residentes na zona a participar nestas entrevistas. Poden facelo a través dun formulario ou no teléfono 914.155.405.