A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeu este luns axudas por un importe de 1,4 millóns de euros para paliar os efectos que ocasionan o xabarín e o lobo.
Fíxoo nunha xuntanza cos alcaldes dos municipios do Xistral, que se uniron para reclamar solucións para os problemas que vive a gandería da zona, na que predomina a libre estabulación.
Os rexedores de Abadín, O Valadouro, Ourol, Muras e Xermade espuxeron a situación “desesperada” dos gandeiros, que ven como o número de cabezas de gando cabalar na zona está a minguar polos ataques do cánido.
Ademais, os alcaldes resposabilizan ao xabaril de danos nos cultivos e de ser “portadores da tuberculose que está a afectar ao gando vacún”, segundo expón o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda.
CONTÍAS
A conselleira afirmou que no 2019 habilitaranse novas liñas de axudas polos danos causados polo xabarín -cunha dotación de 800.000 euros-, polo lobo -cun orzamento de 350.000– e para a prevención dos danos ocasionados pola fauna silvestre -por 300.000 euros-.
AVALIACIÓN DE DANOS
Os alcaldes centraron a súas reivindicacións en tres cuestións. En primeiro lugar, a necesidade dunha elasticidade á hora de avaliar os danos causados polo lobo.
“A comunicación ten que ser como moi tarde 24 horas despois do ataque, e ti non vas todos os días visitar o gando ao monte. Ademais, os restos non duran porque hai voitres ou outras especies que poden levar os cadáveres”, explica Maseda.
PECHES E MASTÍNS
Os rexedores tamén incidiron na necesidade de traballar coa Consellería de Medio Rural para incrementar a contía das axudas para a prevención dos ataques, como o levantamento de peches ou a compra de mastíns.
CENSO
Finalmente, os alcaldes do Xistral reiteran a necesidade dun censo de lobos que permita, “con números”, decidir as medidas a tomar.
“DISCRIMINACIÓN POSITIVA”
Os rexedores cren que é necesaria “unha discriminación positiva” para os habitantes que sofren as consecuencias dunha riqueza faunística que ninguén cuestiona.
“Temos que convivir, bestas, lobos e seres humanos. O Xistral é o hábitat de todos”, conclúe Maseda.