O BNG de Mondoñedo presentou un rogo no pleno celebrado o pasado venres día 26 de marzo que foi aceptado para que o Concello investigue os títulos acreditativos de propiedade achegados pola Igrexa e, no caso de non seren suficientes nin válidos, reclame as apropiacións indebidas.
Segundo sinala o concelleiro nacionalista, Eloi Cabanas, “durante o goberno popular de José María Aznar levouse a cabo unha reforma da Lei Hipotecaria para permitirlle á Igrexa Católica rexistrar ao seu nome todo tipo de propiedades sen ter que demostrar con ningún tipo de probas a súa titularidade, sendo suficiente tan só unha certificación eclesiástica manifestando a pertenza desde fai tempo. No caso de Mondoñedo rexistráronse un total de 10 bens, cinco de rústica e cinco de urbana, cun título distinto ao da certificación eclesiástica”, concreta.
Cabanas descoñece se a documentación achegada “é válida ou suficiente” para que a Igrexa “poida rexistrar ao seu nome todos estes bens” e por iso pídelle ao goberno municipal “que actúe e investigue estes inmobles rexistrados entre os anos 1998 e 2015 ao amparo da citada Lei”.
“Pensamos que o Concello debe actuar ben para informar ás veciñas e aos veciños que podan estar perxudicados ou para persoarse como parte afectada para reclamar para o patrimonio público todos aqueles bens que a Igrexa Católica rexistrou como propios e que non están relacionados co culto relixioso, sendo de uso público desde fai anos”, engade.
REFORMA DA PRAZA DA CATEDRAL
O Concello de Mondoñedo está a elaborar un informe coa axuda dos técnicos para contestar ás alegacións presentadas durante o proceso de participación pública “Proxecto de Acondicionamento da Praza da Catedral”. Foi a resposta do goberno municipal ao BNG, que preguntou que decisións vai tomar o Concello en relación coas obras de reforma.