A Área de Turismo do Concello deseñou un novo percorrido turístico-cultural autoguiado pola parroquia de San Cosme chamado “O Barreiros dos nosos antergos”, en castelán “El Barreiros de antaño”.
“Durante este percorrido, deseñado a modo de visita guiada, expoñerase o vínculo entre o patrimonio etnográfico máis propio de Galicia e o posterior legado daqueles que emprenderon a aventura de facer as Américas. Compleméntase con descricións audio guiadas e relatos sobre a nosa historia”, explica o goberno local.
Como puntos de interese inclúe casas indianas, patrimonio etnográfico, capelas e casas labregas. Sae da Oficina de Turismo e percorre os núcleos de San Cosme, Vilar, Áspera, Viladaíde, San Bartolo e Remior; retornando de novo a San Cosme.
Conta cunha lonxitude aproximada de 10 quilómetros e pódese facer a pé, en bicicleta ou en coche, “opción menos recomendable xa que se debe ter en conta que nalgúns puntos de interese non hai espazo para estacionar xusto ao carón do recurso”, remarca o goberno local.
Para seguir o percorrido tan só é preciso entrar na web https://www.concellodebarreiros.gal e acceder ao apartado de Sendeirismo que atoparán na sección “Turismo”. Dende alí pódese acceder a Google Maps ou a APP Wikiloc para facer o itinerario a través da tecnoloxía GPS utilizando un teléfono móbil ou unha tableta.
Desta forma, calquera persoa pode facer esta visita audio guiada en calquera momento, ao seu ritmo, e coñecer así, un pouquiño máis de preto, parte da nosa historia e patrimonio.
NOVOS LOGOTIPO E LEMA TURÍSTICOS
Neste eido, co fin de modernizar a imaxe turística de Barreiros e adaptarnos ás novas tendencias de viaxe trala irrupción da Covid, creáronse novos logotipo e lema turísticos: “Barreiros queda en ti”.
“O logotipo consiste nunha B simulando un corazón no que están representadas as ondas do mar, as praias e o interior do municipio a través da cor verde. Co lema preténdese transmitir unha imaxe de proximidade co viaxeiro/a, hospitalidade e experiencias turísticas en contacto coa natureza e a esencia do destino”, indica o Concello.
Recentemente tamén se puxeron en marcha novas contas de Facebook e Instagram co nome de “Barreiros Turismo” para a promoción e divulgación dos recursos turísticos do concello.