Xunta de Galicia e Diócese de Mondoñedo-Ferrol presentaron este martes o proxecto de restauración das pinturas murais da Catedral de Mondoñedo, que vén de ser licitado. O Goberno autonómico avanzou que investirá máis de 300.000 euros para a restauración do conxunto mural do presbiterio e da nave central. Trátase dunhas actuacións para “seguir revalorizando un dos máis destacados Ben de Interese Cultural de Galicia e unha das xoias do Camiño do Norte”, expuxo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presente no acto.
Os actuais traballos resolverán, concreta a Xunta, “as importantes patoloxías nas pinturas debido ás humidades. O proxecto, cofinanciado con fondos FEDER, permitirá resolver os danos na policromía barroca, a pintura mural da nave e o retablo do altar maior”,
Por iso, faranse traballos de limpeza superficial, protección das zonas en perigo de desprendemento, consolidación de morteiros, fixación da policromía, reintegración e limpeza cromática, entre outras. Para poder desenvolver os traballos asinouse un convenio de colaboración coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.
A duración dos traballos será de once meses e o importe total dos mesmos ascenderá a 308.788 euros.
Rodríguez concretou que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 1,1 millóns para a restauración da súa cuberta e da Casa dos Coengos.
PLAN CATEDRAIS
Ademais, adiantou que a Xunta prepara o novo Plan Catedrais, coa previsión de aprobalo esta primavera, dirixido fundamentalmente aos templos matrices de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo co fin de “protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e emocional”.
A Xunta concreta que “blindará o mantemento e conservación destes cinco grandes templos galegos no horizonte do Xacobeo 2027“.
O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, argumentou que este Plan será unha “útil ferramenta” que reforzará a planificación e marcará a folla de ruta dos vindeiros anos. Rodríguez sinalou como punto de partida a Catedral de Santiago onde, grazas aos traballos de rehabilitación coordinados e aos esforzos conxuntos, “reestreouse” este 2021 nas mellores condicións para a década xacobea.