Arredor de vinte gatos e gatas da rúa foron esterilizados na campaña de control desta especie iniciada polo Concello de Ribadeo en colaboración cun grupo de voluntariado e dúas clínicas veterinarias. A iniciativa comezou hai dous meses, co obxectivo de ter controladas as colonias asentadas en varias zonas da vila.
O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo, Jorge Díaz Freije, fai un balance positivo e agradece a implicación do voluntariado e das dúas clínicas veterinarias nesta iniciativa.
O edil concretou que “estamos intervindo pouco a pouco nos focos que tiñamos en previsión e de todos se vai collendo algo. Falamos dun animal desconfiado e complexo, posto que se a persoa que normalmente lle dá de comer non está é complicado collelo”, indicou. Segundo o concelleiro, “estámonos esparcindo por outras zonas que tamén están afectadas”.
“Apenas levamos un par de meses pero este proxecto pinta ben grazas ao voluntariado, que está envorcado, e tamén as clínicas están implicadas en que isto siga adiante”, remarcou Díaz Freije, que insistiu en que “cunha boa labor de veciñanza, isto vai con bo camiño e bos pasos”.
O representante do goberno local expuxo que “temos un pequeno orzamento para todo isto e en canto cheguemos ao tope teremos que pagar, pero isto é un capítulo e haberá máis; (os gatos) están fichados, rexistrados, para darlle unha forma legal que nos permita trasladar a outras Administracións para que poidan colaborar con esta iniciativa tanto voluntaria e veciñal coma do Concello”.