O Concello de Ribadeo anunciou este mércores de que a propietaria da Torre dos Moreno, a empresa Paisajes de Asturias, presentou no rexistro da administración local o proxecto para rehabilitar o emblemático inmoble indiano, un documento que tamén foi enviado á Comisión de Patrimonio de Lugo, organismo dependente da Xunta de Galicia que deberá informar preceptivamente esta proposta antes de que desde o goberno local se conceda a licenza municipal de obras.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, asegurou que se trata dun “agardado proxecto” que “contempla, entre outras, actuacións de reparación da estrutura (do inmoble), do saneado de cubertas, e de todas as súas fachadas“.
Segundo concretou o rexedor, de acordo co proxecto, “os materiais de recuperación das fachadas serán similares aos do morteiro de cal que ten actualmente, e os materiais de arranxo das cubertas serán os mesmos que os do edificio actual. Ademais, procederase á colocación de novas carpinterías exteriores, dado o mal estado das actuais, e en todo o caso a intervención non vai modificar a volumetría do inmoble orixinal”, engadiu.
Deste xeito, Suárez Barcia argumentou que “comeza a conta atrás” para que “este edificio icónico de Ribadeo poida lucir todo o esplendor que tivo a principios do século XX“, e tamén para que, “por riba de todo, coa súa rehabilitación poida asegurarse a seguridade pública necesaria tanto na contorna da rúa Villandrando como na Praza do Cantón“.
UN ACORDO DE VENDA CONTROVERTIDO
En verán de 2018, o Concello decidiu trocar a parte que tiña da Torre dos Moreno, o 21% da titularidade do monumento, pola Antiga Casa da Telefónica, ao que proxectou trasladar o Xulgado de Paz. Fíxoo argumentando que a situación de semi ruína do inmoble, construído no 1915 con fondos enviados por migrantes e Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1997, era un perigo para a seguridade pública, e salientando tamén que as arcas municipais non podían facer fronte a un arranxo integral, estimado en máis de cinco millóns de euros.
A oposición amosouse crítica con este acordo, acusando ao Concello de “malvender” a súa parte do edificio.