As asociacións Fervenza de Sargadelos e Mariña Patrimonio organizan unha exposición en Cervo con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial, que se celebra o vindeiro venres, 16 de novembro.
As agrupacións exporán no consistorio cervense útiles do paleolítico achados nos últimos anos de forma casual en distintos lugares da Mariña Lucense.
A mostra poderase visitar do 16 ao 30 de novembro, de luns a venres en horario matinal, de 9.00 a 14.00 horas.
Rematada a exposición, as pezas serán depositadas no Museo Arqueolóxico de Vilalba, seguindo as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio.
PEDAGOXÍA
A celebración da efeméride inclúe tamén actividades educativas. O 23 de novembro, o alumnado do IES Marqués de Sargadelos achegaranse á cultura material do paleolítico cunha charla informativa e un obradoiro de fabricación de útiles líticos.
O DÍA 23 HABERÁ ACTIVIDADES NO INSTITUTO E O DIRECTOR DO MUSEO ARQUEOLÓXICO DE VILALBA OFRECERÁ UNHA CONFERENCIA
CHARLA SOBRE OS PRIMEIROS POBOADORES
Ese mesmo día, o director do Museo Arqueolóxico de Vilalba, Eduardo Ramil Rego, impartirá unha conferencia sobre os primeiros poboadores da Mariña.
COLABORADORES
Colaboran nestas actividades o Museo Arqueolóxico de Vilalba, a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba e o Concello de Cervo.