Como xa temos informado ata a saciedade, o Concello de Ribadeo concedeu a licenza de actividade para os apartamentos turísticos da illa Pancha o día 1 de decembro de 2017, despois de que a inspección técnica comprobase que naquela data, ás dúas da tarde a porta de acceso á Illa Pancha estaba aberta “de par en par”.
tamén temos publicado repetidamente que unha das condicións que poñía o concello era que o acceso público á toda a illa estivese garantido para os ribadenses e visitantes.
Asemade lembraremos que nen a porta, nen a a ponte, nen os accesos aos apartamentos entraban dentro da concesión aprobada pola Autoridade Portuaria o día 30 de Xuño de 2015. A devandita concesión só incluía uns cincocentos metros cadrados a carón do antigo faro e pequenas parcelas colindantes. Ou sexa, non incluía os 4300 metros cadrados con vexetación da illa.
Mesmo temos reproducido a publicidade da empresa concesionaria que anunciaba “toda la isla a disposición exclusiva” ou “una isla con acceso restringido”. Seguindo cos feitos comprobados, en xaneiro de 2019, despois de seis meses dándonos voltas no concello e tras recorrer á lei de Transparencia diante da Valedora de Pobo Galego, que obrigou ao concello a facilitarnos o acceso a esa documentación, puidemos consultar a parte do expediente que se refería á concesión da licenza de apertura e por primeira vez comprobamos, negro sobre branco, que unha condición básica para conceder esa licenza era que a porta estivese aberta ao público. Xa pasara mais de un ano, o concello tiña agochada esa información e a porta seguía pechada.
Os días once de abril e oito de maio de 2019, visto que a porta de entrada na Illa Pancha seguía pechada rexistramos sendos escritos no concello de Ribadeo dando conta ao Sr. Alcalde desta circunstancia, ao mesmo tempo que o puxemos en coñecemento da opinión pública. Só suliñar que o Sr. Alcalde non respostou.
O día 24 de xuño de 2019 formalizamos unha denuncia por escrito na Fiscalía do Xuzgado de Mondoñedo polo recorte dos dereitos democráticos dos veciños, ao non permitirse o acceso a un espazo libre de uso comunitario, engadindo os documentos mais significativos que avalíaban os feitos denunciados. Ao cabo de poucas semanas a fiscalía confirmounos que a apertura da porta era preceptiva sen ningunha dúbida. Pero a porta seguía pechada.
E houbo que agardar ao 3 de outubro de 2019, ou sexa 21 meses, para que o concello de Ribadeo notificase por escrito á empresa concesionaria a obrigatoriedade de manter aberta ao público a porta de acceso á Illa Pancha. En todo ese tempo o concello non moveu peza para defender os dereitos lexítimos dos veciños e estivo dando largas e apoiando o interese particular dunha empresa privada. E non só iso, ocultouse a información e todo seguiría no segredo dos papeis se non fose polas denuncias do noso colectivo. Folga suliñar que en abril de 2021, tres anos e catro meses despois de conceder a licenza a porta segue pechada.
O motivo desta longa introdución é que nas últimas horas tivemos acceso a unha nova documentación, que non podemos publicar íntegramente por condicionantes legais, na que se constata que o concello está obrigado a tomar medidas eficaces para garantir aos veciños o libre exercicio do seu dereito a facer uso dos terreos non concesionados da Illa Pancha. Neste novo expediente, que por certo obra en poder do concello sen que o teña comunicado á opinión pública, aparece ¡19 veces!, negro sobre branco que a lexislación vixente esixe que o vecindario teña acceso libre a un espazo público e nos engadimos que concello de Ribadeo non fai nada para un beneficio e aproveitamento privado. En concreto trátase de un proceso xudicial, no que o noso grupo non tivo unha participación directa e do que non podemos dar mais datos polas limitacións anteditas, pero debemos informar de que temos o texto íntegro do mesmo, que solicitamos ao Xuzgado nº 2 do Contencioso Administrativo de Lugo e recibimos no día de antonte e que confirma plenamente que a porta da Illa Pancha debe estar aberta ao público sen negún tipo de restriccións.
Entendemos que o concello de Ribadeo ten a responsabilidade institucional e democrática de dar conta aos veciños de esta información por tratarse de un asunto público de interés xeral. E non se trata de compensar senón de cumplir a lei diante da veciñánza.