A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, pediu este xoves no Parlamento de Galicia “luz e taquígrafos” sobre o papel de Patrimonio da Xunta de Galicia trala destrución do Castro das Flores ou Castro da Trinidade, ubicado entre Mondoñedo e Lourenzá.
Como adiantou Galicia Confidencial no pasado mes de outubro, a Fiscalía investiga, a petición das asociacións Mariña Patrimonio e Adega, supostas irregularidades por parte de Patrimonio a fin de que se autorizase unha canteira na zona onde se ubica o xacemento, catalogado como ben cultural.
Mariña Patrimonio e Adega consideran que Patrimonio puido cometer delitos de prevaricación, falsificación de documentación e danos contra o patrimonio histórico e natural.
“FAVORECÉRONSE INTERESES PRIVADOS”
Rodil considera “moi grave que a entidade que debera ter velado pola preservación do ben actuase xusto en dirección contraria para favorecer intereses económicos dunha canteira”.
Así, a deputada do BNG instou á Xunta a que “se asuman responsabilidades se se corroboran as sospeitas de actuacións irregulares”.
“Malia a existencia desde o ano 2000 de informes arqueolóxicos que advirten da protección que lle corresponde por estar inventariado e catalogado, e das denuncias realizadas en 2008, 2016 e 2017, o Servizo de Patrimonio de Lugo propuxo excluír o Castro das Flores, de maneira ilegal e torticeira, do Inventario Xeral de Xacementos Arqueolóxicos”, denunciou.
EXPEDIENTE DE DILIXENCIAS INFORMATIVAS
A directora xeral de Patrimonio, Carmen Martínez Insua, defendeu a actuación desenvolvida polo servizo, aínda que recoñeceu que había aberto un expediente de dilixencias informativas sobre a actuación do servizo de Patrimonio en Lugo en relación ao Castro das Flores.
DE DÚAS HECTÁREAS A 20 METROS
O Castro das Flores ou Castro da Trinidade está incluído no inventario de Xacementos arqueolóxicos desde 1991 e catalogado desde 1995 (BOP).
Mariña Patrimonio e Adega calculan que só quedan do xacemento vinte metros de dúas hectáreas.