Técnicos do programa LIFE In Common Land, liderado pola Deputación de Lugo e no que colaboran as universidades de Santiago (USC) e da Coruña (UDC) para a conservación dos hábitats e aproveitamento sostible da riqueza ambiental da Serra do Xistral, concienciaron aos escolares do CEIP Santa Rita de Viveiro sobre a necesidade de coidar este espazo protexido de alto valor ambiental.
Os responsables da USC que traballan no LIFE impartiron aos rapaces e rapazas de 3º e 4º de Primaria do centro viveirense varias actividades co obxectivo de coñecer a importancia da conservación dos hábitats naturais do Xistral. O alumnado tamén recibiu un pequeno kit, para levar a cabo as súas primeiras investigacións sobre o terreo, consistente nun caderno, un bolígrafo, unha mochila, uns prismáticos, unha cunca e unha lanterna.
Segundo apunta a deputación nun comunicado, está previsto que esta actividade, que xa tivo lugar noutros centros da provincia, se poida levar a cabo noutros colexios a medida que mellore a situación sanitaria. Estes obradoiros pretenden poñer en valor e dar a coñecer aos máis cativos os labores que se están a realizar no marco do LIFE In Common Land dun xeito entretido e dinámico.
Life in Common Land é un proxecto que xurde co propósito de mellorar e traballar nas ameazas que afectan aos hábitats do Xistral, como son as alteracións na composición do paisaxe, a degradación dos hábitats pola actividade humana ou o cambio climático.