A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar as obras de rehabilitación integral do Instituto de Educación Secundaria (IES) María Sarmiento de Viveiro, que contan cun orzamento de 842.800 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro para explicar os detalles da intervención á comunidade educativa. Destacou que o proxecto está enmarcado no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica Galega, que adopta unha nova perspectiva para “habilitar centros idóneos para a aprendizaxe e para a convivencia, aliados da saúde das persoas, apostando polos espazos amplos e por instalacións menos contaminantes”.
Ao respecto, sinalou que boa parte do investimento neste instituto está orientado a medidas de eficiencia enerxética, que conseguirán un aforro do consumo e das emisións contaminantes á atmosfera. “Os criterios medioambientais gañan peso e considerarase unha condición especial de execución da obra a compra de cando menos un 10% dos materias e subministros necesarios en establecementos de proximidade, realizada nun radio inferior a 200 Km”, apunta a Xunta nun comunicado.
No que respecta ás reformas interiores, na planta do ático vanse reunificar os espazos para crear unha aula de maior dimensión e un pequeno almacén. Cambiaranse os falsos teitos por paneis rexistrables con illamento acústico de lá de roca nas aulas, e continuo de xeso en corredores e baños; mellorarase a ventilación na planta semisoto, e pintaranse estancias, portas e radiadores. O prazo de execución das obras será de cinco meses, e as empresas interesadas en optar ao contrato teñen de prazo ata o día 28 de maio para presentar as súas ofertas.