Inaugurada unha nova planta de transferencia de residuos en Riotorto que dá servizo a seis concellos

Dará servizo, inicialmente, a seis municipios que aglutinan máis de 10.000 habitantes: Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, A Pontenova e Ribeira de Piquín.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visita os terreos da futura planta de transferencia de residuos en Riotorto, acompañada por alcaldes da zona. XUNTA | Fonte: Europa Press

A Xunta adxudicará este outono as obras da nova planta de transferencia de residuos de Riotorto, que entrará en funcionamento en outubro de 2022. Esta instalación, que conta cun investimento de dous millóns –procedentes de fondos europeos Feder ante a pandemia– suporá substituír a microplanta que funciona desde hai anos neste municipio.

A capacidade da futura planta será de 13.500 toneladas ao ano e dará servizo, inicialmente, a seis municipios que aglutinan máis de 10.000 habitantes: Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, A Pontenova e Ribeira de Piquín.

A función das plantas de transferencia é permitir o transvasamento dos residuos desde os camións de recollida municipal a colectores de maior capacidade e máis adecuados para o transporte a longa distancia –aquí non se realizan operacións de tratamento sobre residuos–. Estará preparada para transferir a bolsa negra (colector verde xenérico), a amarela e a materia orgánica do denominado quinto colector (marrón) para compost.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou este luns, acompañada de alcaldes da zona, a parcela de 15.000 metros cadrados na que se situarán as instalacións. Haberá unha nave para o transvasamento de residuos, a cal ocupará 710 metros cadrados.

Esta nova instalación contará cun compactador fixo, dado que os portátiles son de menos capacidade e máis propensos a avarías, explica a Xunta. Tamén haberá un sistema de translación de colectores, ademais dun edificio destinado a oficina, vestiario e almacén.

A futura infraestrutura formará parte dunha rede de 13 plantas de transferencia e catro centros de biorresiduos –un en funcionamento en Cerceda, así como outro tres proxectados en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín–.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here