-Hai unha semana houbo unha conferencia sobre as “rodas” da Idade do Bronce. Unha posible conclusión era que houbese unha concentración maior destas construcións que no sur das Illas Británicas.
Organizamos unha conferencia con Luis Cordeiro, que é de Foz, e con Pilar Prieto, dúas persoas que formaron un equipo para estudar estas estruturas circulares. Como aquí levamos detectadas unhas cantas, pareceunos un tema interesante, por ser novedoso e porque hai pouca información sobre estes xacementos. Entre o que apuntaron na conferencia foi o pouco tempo de traballo sobre estas rodas desde que en 2006 se excavou a de Barreiros. Desde aquela comezaron a aparecer máis, así levan unha listaxe de xacementos e comunicámonos con eles se encontramos unha nova “roda”. Nestes momentos falaban de case 40 localizados en Galicia. Hai moitos xacementos que se deberan revisar por se son castros ou outro tipo de estrutas. Un comentario feito na conferencia é que a ver se non habería máis construcións deste tipo aquí que no sur de Gran Bretaña. Non o aseguraron mais apuntaron a posibilidade. Nun tempo xa non será anecdótico que aparezan por aquí estruturas semellantes ás do arquipélago británico.
-Non se coñece a función destas construcións?
Non porque aínda non se investigou moito. Escavouse a roda de Barreiros, onde pensaban que era un castro, foi unha escavación de urxencia e ao mellor se perdeu información. Logo escavouse a de Ventosiños, fixéronse unhas catas en Xove e o vindeiro sábado haberá unhas catas en Lalín. Este tema está comezando a ser estudado agora. Coas poucas investigacións feitas coincídese por agora en que o uso sería funerario, aínda que polo de agora non se encontaron restos humanos, mais a maioría de datos apuntan a lugares de enterramento ou zonas de rituais.
-Cando e por que naceu A Mariña Patrimonio?
Non recordo o ano, mais foi polo castro da Atalaia de San Cibrao, cando comezaron a desfacelo para construír sobre el. Entón, persoas que nos coñeciamos pola nosa afección á arqueoloxía e á historia e ao patrimonio, daquela comezamos a mobilizarnos para evitar a destrución do castro. A partir de aí decidimos crear a Asociación uns anos despois.
Hai moitos xacementos que se deberan revisar por se son castros ou outro tipo de estrutas
-Ás veces a preservación do patrimonio vai contra certos intereses tanto económicos como políticos. Como é tratar con estes intereses, mesmo cos que deberan protexer este patrimonio?
Deberan, quedan niso, en deberan. Coa construción temos detrás uns intereses económicos brutais que afectan a concellos, grupos políticos e o certo é que é difícil loitar contra iso. Logo está todo o aparato como a Dirección Xeral de Patrimonio e outras institucións non están precisamente polo labor, o seu labor deixa moito que desexar. Cos constructores e con temas de denuncias de canteiras, non temos interese en tratar cos empresarios, eles van ao que van. Nós só reclamamos ás admnistracións que actúen onde deben facelo. Si falamos, e mesmo en certo sentido podo dicir de maneira positiva, con asociacións e propietarios de monte sobre os eucaliptos, mesmo con Ence. Temos visto como estaba a situación, ao final recoñeceron que había e segue habendo unha grande destrución do patrimonio. Tamén din que coa cantidade de superficie plantada, ao sector non lle interesa plantar sobre mámoas ou castros ou mesmo lles vén ben pola mala prensa que estaban tendo. Arredor disto si se moveron cousas como Ence deu unhas directrices para traballar ao pé de xacementos, e mesmo o tema de que se publicaran os xacementos na web da Xunta e ao final están aí esas ferramentas, que teñen fallos mais son un avance. Durante os primeiros anos de Mariña Patrimonio coas fotografías aéreas vimos máis de vinte afectacións a xacementos, nos últimos tempos temos visto dúas. Iso é algo positivo e é un avance e bo para todos.
Cos constructores e con temas de denuncias de canteiras, non temos interese en tratar cos empresarios, eles van ao que van
-Unha cousa é Ence e outra os pequenos propietarios.
Non notamos moito problema. Mesmo temos convidado a produtores de madeira para mostrarlles o que faciamos e por que o faciamos. A maioría entende por que o facemos. Hai xente que pregunta se non poden replantar sobre un castro, a resposta é non, mais aquí na Mariña hai miles de propietarios de parcelas que non poden construír casas xunto ao mar ou a unha praia, iso é unha perda económica máis grande que non poder plantar.
-Recibides anuncios ou denuncias de particulares cando hai algún ataque ao patrimonio?
Si, moito ademais. É moi frecuente recibir chamadas de veciños, uns teñen razón e a maioría non, sobre todo en relación con plantacións. Hai unha zona de proteción de 200 metros onde se pode plantar, cousa que non se pode sobre o castro. Nós cando nos metemos é cando se incumpre a lei. Plantar a 50 metros ao mellor non se debera facer, mais se a lei o permite, a lei é a lei.
-Estades traballando sobre outro tipo de patrimonio máis contemporáneo?
Somos un grupo de afeccionados interesados no patrimonio en xeral, non só arqueolóxico. O certo é que non facemos investigacións. Sempre destaco que Mariña Patrimonio non ten arqueólogos. Non facemos investigación porque non estamos capacitados. Estamos atentos ao que hai na contorna, se sabemos de estruturas circulares buscamos equipos a quen lle pode interesar o tema. Comunicamos estes feitos a expertos para investigar. Outro exemplo, San Xoán Vello en Viveiro, moi poucas persoas sabían que era unha zona arqueolóxica. Cando soubemos do equipo de investigación de restos medievais, comentámosllo e fomos velo con eles. Tamén puxemos en contacto ao equipo co Concello de Viveiro e así se levou adiante a escavación.
É moi frecuente recibir chamadas de veciños, uns teñen razón e a maioría non, sobre todo en relación con plantacións
-A concienciación sobre o patrimonio da Mariña aumenta ou vai a menos?
Hai moito interese sobre o tema. Na conferencia en Sargadelos de hai unha semana había cincuenta persoas un sábado ás seis da tarde. Isto demostra que hai moito interese e os políticos xa o saben, agora os concellos queren pór en valor castros e xacementos. Ademais, as redes sociais permiten difundir noticias sobre este tipo de patrimonio. Como anécdota, hai propietarios que nos avisan de teren un castro na súa propiedade e que nolo cede para investigar.