InicioM.ambiente e PatrimonioAs casas de indianos, unha pegada colorista de América na Mariña

As casas de indianos, unha pegada colorista de América na Mariña

As casas habaneras ou de indianos son parte ineludible do partrimonio da comarca. Foron a pegada do éxito dalgúns dos emigrados a América, sobre todo a Cuba de onde trouxeron varios aspectos destacados desta rechamante arquitectura. O paso do tempo tamén foi deixando marcas nuns edificios únicos e que foron a envidia no seu momento da veciñanza que vía retornar a quen se fora sen nada e volvía coas mans cheas.

Publicada o

- Advertisement -

A construción das casas de indianos chegou a Galicia da man de emigrados que fixeran fortuna na súa viaxe a América e de onde trouxeran o gusto pola cor imperante en áreas como o Caribe, sobre todo de Cuba e algúns de Puerto Rico. Xunto coa explosión multicor das casas indianas ou “habaneras” chegaron tamén plantas exóticas pouco ou nada coñecidas na comarca, como foi o caso das palmeiras, máis tarde elemento case imprescindible do hornamento floral en calquera xardín ou parque que se preciase dese nome.

Estes edificios foron no seu momento o xeito máis “elevado” de quen fixo fortuna na emigración para mostrar o seu éxito. Desta maneira comezaron a aparecer en lugares onde antes só estaban as casas dos campesiños e onde posiblemente a única edificación resaltable até o momento eran as casas reitorais ou os pazos dalgún “señorito” ou propietario de terras.

Un exemplo da ecolosión indiana en lugares que foran fonte constante de emigración foi o Concello de Ourol. As parroquias de Ourol, Xerdiz, Miñotos, Vilares e Merille reúnen a día de hoxe unha das mostras máis importantes deste tipo de arquitectura na comarca da Mariña. Como se se tratase dunha carreira de ostentación, entre finais do século XIX e comezos do XX, novos ricos retornados da emigración encheron a paisaxe desas terras cunha gama de luminosas pinturas pastel, propias do Caribe hispano.

O tamaño, a folganza das construcións, tamén demostraban até que punto de riqueza chegara o indiano. E a isto uníase a extravagancia moitas veces materializada en torres, miradores, galerías amplas, teitos con bufardas e construcións adxacentes como capelas ou cabalerizas. O caso era deixar pegada no lugar da boa fortuna que acompara ao ou á indiana retornada.

Existen moitos máis exemplos seguindo a liña de costa. Ribadeo coa súa Festa do Indiano celebra a figura daqueles personaxes que, unha vez regresaron ao lugar de orixe, crearon unha amálgama de construcións como a Torre dos Moreno, ou a casa de Sela, unha das primeiras edificacións deste estilo na vila ribadense.

En San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, podemos ver outro exemplo, Villa Julia, destacando sobre todo por ser esta parroquia maioritariamente un espazo chan e aberto. Outras casas neste concello son Casa Rubio e Casa Carballo. En Cervo un dos máis destacados exemplos é Villa Argentina. Doutra parte, en Foz temos Villa Modesta, Casa Mosquera, Villa de Paulo, Villa Adela e Villa Amadora. De cara ao interior en Lourenzá temos Casa Miguelito e no veciño Mondoñedo, Villa Primitiva, Chalet de Pepín e O Cenador.

Aínda sendo xoias arquitectónicas e mostras da conxunción de estilos e gustos personais, a aparición das casas de indianos é unha mostra da alta incidencia da emigración alí onde aparecen. Son unha das mostras dos escasos recursos que tiña a xente do lugar para desenvolver unha vida digna, entre eles, emigrar. Co tempo, os e as propietarias destas casas foron filántropos nos lugares de orixe dando paso á creación sobre todo de escolas e centros de ensino e instrucción. Tamén financiaron obras como estradas, fontes e outras infraestruturas civís.

A casa indiana é a día de hoxe un elemento patrimonial que figura en traballos de campo, estudos e forma parte da paisaxe mariñá. Con todo, este patrimonio tamén sofre o esquecemento nalgúns casos e noutros, a indiferenza ou o abandono acaban por borrar parte dun pasado recente e que por si mesmo conta unha parte importante da historia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...