InicioM.ambiente e PatrimonioUn novidoso proxecto en 3-D aspira a ampliar a 11 quilómetros a...

Un novidoso proxecto en 3-D aspira a ampliar a 11 quilómetros a superficie topografada da cova do Rei Cintolo

A investigación, dirixida polo vigués Marcos Vaqueiro, podería abrir unha porta para a reconstrución a escala e a musealización da cavidade

Publicada o

- Advertisement -

Un grupo de espeleólogos traballa nos últimos meses nunha topografía en tres dimensións da Cova do Rei Cintolo de Mondoñedo. O proxecto, dirixido polo vigués Marcos Vaqueiro e baseado nun modelo de aramio de 1974 que recolle uns 6.000 metros de desenvolvemento da cavidade, ampliaría o recorrido topografado ata os 11.000 metros.

ANTECEDENTES

O primeiro en documentar a existencia da cova foi o prehistoriador e arqueólogo mindoniense José Villa Amil y Castro, que fixo as primeiras incursións en 1873 e realizou un croquis da galería máis superficial da cavidade habilitada en parte para as visitas turísticas.

Na segunda metade do século pasado realizáronse diferentes exploracións que foron ampliando o coñecemento do laberíntico entramado de galerías e salas que se esconden baixo a terra en Argomoso, salpicadas por formacións xeolóxicas diversas e evocadoras como a do paso de órganos, a vía de apóstolos ou a sala de Valle Inclán, e mesmo unha corrente subterránea, o río Celtas, na súa cota máis baixa.

A cavidade, a meirande de galicia, é unha paisaxe inédita no territorio galego, pouco propicio para formacións cársticas

Trátase dunha paisaxe inédita no territorio galego. A diferenza de zonas relativamente próximas pero de características xeolóxicas diferentes como os Picos de Europa, Galicia é pouco propicia para as formacións cársticas. A Cova do Rei Cintolo é, de feito, a máis grande da comunidade.

Grupo de Espeleoloxía da Universidade Laboral da Coruña. emprendeu as expedicións máis ambiciosas na segunda metade dos anos 70.

Este colectivo realizou un traballo serio e metódico, con campamentos na cova que culminaron cunha topografía duns 5.000 metros e que estimou, en base ao explorado daquela, uns 6.500 metros de desenvolvemento da cavidade.

O proxecto requerirá de 600 horas de traballo de persoal con formación específica

Nas últimas décadas, outras exploracións espeleolóxicas percorreron treitos novos e acreditaron que a estrutura da cova supera esas dimensións. Sistematizar ese coñecemento disperso e amplialo é o reto que se propón este grupo de traballo.

Vaqueiro estima que se precisarán 600 horas de dedicación de persoal con formación específica para realizar o levantamento topográfico e plasmalo nese modelo en tres dimensións. O proxecto podería estar rematado en “dous ou tres anos“.

 

CATORCE PROFESIONAIS

“A nosa prioridade é lograr algún tipo de autorización que nos permita traballar dentro da cova con máis flexibilidade en canto a datas e horarios. Ata agora tivemos que axustarnos as condicións dos permisos para visitas turísticas e excursións deportivas que non se adaptan ás necesidades da actividade científica”, comenta Vaqueiro, que coordina un equipo no que veñen traballando uns catorce espeleólogos e que agarda incorporar outros.

O equipo vén facendo unha sesión de traballo en cova por trimestre. A última deste ano será na ponte da Constitución e concentrarase na galería máis superficial da cova, habilitada, en parte, para as visitas turísticas.

Equipo de traballo ás portas da Cova do Rei Cintolo o pasado mes de setembro. MARCOS VAQUEIRO

APLICACIÓNS

A topografía en tres dimensións tería aplicación en diferentes campos. Ademais de rexistrar con precisión os valores naturais e patrimoniais do interior da cova, o modelo, explica Vaqueiro, permitiría “coñecer a relación entre a cova e a súa contorna polo que axudaría a avaliar o impacto de calquera actuación no exterior da cavidade”.

Doutro lado, a reprodución en 3D serviría como referencia para establecer o marco de traballo de cara a outras actividades científicas que se proxecten na cova. O seu interior interesou a outras disciplinas como a arqueoloxía.

A topografía podería empregarse na divulgación científica e na promoción turística da cova

O modelo podería aproveitarse tamén como recurso para a “divulgación” e a promoción turística. Así, a topografía podería empregarse como referencia para a reconstrucción a escala e a musealización da cova, ademais de facilitar presentacións multimedia e interactivas.

A cavidade ten desde primeiros de novembro o selo de destino científico da auditora Observer, que impulsa o aproveitamento de recursos naturais e culturais para o desenvolvemento dun turismo “sustentable e de calidade”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...