Atalaya Generación, a empresa que impulsa o megaproxecto da Central Hidroeléctrica Reversible XISTRAL, insistiu no “impacto económico e social positivo” que vai supor para para estes concellos a instalación da central, ao xerar, segundo suliñaron “postos de traballo e oportunidades de futuro á comarca”.
Este é o argumento co que xoga a empresa para tentar convencer aos concellos implicados da importancia do seu proxecto, un argumento que tamén ten utilizado algún xornal galego para ir concienciando á opinión pública da comarca das bondades desta empresa.
Na reunión, que se celebrou de maneira telemática, participaron o director de Atalaya Generación, Pedro Machín, e os acaldes do Valadouro, Edmundo Maseda; Alfoz,
Jorge Val; Ourol, José Luís Pajón; Cervo, Alfonso Villares, e Xove, Demetrio Salgueiro.
Segundo insiste a empresa, o proxecto ten por obxecto a posta en marcha dunha instalación de almacenamento de enerxía eléctrica de 936 megawatts “baseada na operación dunha central de bombeo reversible, que implica a existencia dun emprazamento con dispoñibilidade de auga e cun salto neto adecuado entre dous almacenamentos”.
“Desta forma, almacénase a auga nos momentos de menor demanda e bombéase para xerarenerxía naquelas horas de maior consumo”, indica a empresa. Unha vez entre en funcionamento a instalación, a eléctrica insiste en que se poderá xestionar o parque de xeración renovable instalado en Galicia e as súas proximidades, “respectando un réxime sustentable dos ríos e os seus caudais, e avanzar na descarbonización do sistema
eléctrico exixible para frear o cambio climático”.
IMPACTO AMBIENTAL
Boa parte das consultas formuladas polos alcaldes estiveron encamiñadas a aclarar
o funcionamento, localización e deseño dos almacenamentos. “Tomouse boa
nota das súas achegas para telas en conta no deseño definitivo da instalación”, aclara a empresa. Neste sentido, a empresa deu a coñecer as consideracións para determinar a
localización dos almacenamentos, que aproveita o salto hidráulico existente para “evitar
as afeccións ambientais ás zonas de turbeiras”.
Por iso, a empresa insiste en defender a creación de dúas balsas, que veciños e movementos ecoloxistas da zona cren que terán un forte impacto ambiental e patrimonial, porque “deseñáronse balanceando os movementos de terras necesarios para a súa construción”. Ademais, aclara que está previsto que as conducións sexan subterráneas para minimizar o impacto xerado.
Precisamente, a posibilidade de soterramento dunha parte da liña eléctrica foi outro dos puntos consultados polos alcaldes. Os representantes de Atalaya Generación e os alcaldes acordaron seguir mantendo reunións no futuro para coñecer os avances e o estado do proxecto, e resolver todas as cuestións que poidan xurdir durante o seu desenvolvemento.