A Mariña volveu ao seu pasado romano revisitando as antigas minas de ouro

A explotación industrial masiva e sistemática acometida polos romanos en todo o noroeste da Península chegou a proporcionar o 7% da produción de ouro do Imperio.


A Asociación A Mariña Patrimonio realizou este pasado sábado unha actividade programada co Concello de Foz sobre a minaría de ouro romana. A xornada realizouse en dúas partes. Pola mañá, o arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo, impartiu a conferencia “A minaría aurífera romana” na Casa da Cultura de Foz e á que asistiron unhas 45 persoas. A exposición abordou o proceso de extracción do ouro, tanto na etapa prerromana, durante os dous últimos milenios anteriores á era cristiá – que se realizaba bateando as areas dos ríos- como a explotación industrial masiva e sistemática acometida polos romanos en todo o noroeste da Península e que chegou a proporcionar o 7% da produción de ouro do Imperio.

Merayo explicou o proceso de extracción do ouro, tanto nos xacementos primarios como nos secundarios, como é o caso da mina da Espiñeira, un dos complexos mineiros máis extensos do noroeste, que abrangue as dúas beiras do río Masma, repartida entre os concellos de Barreiros e Foz.

Na xornada de tarde participou un grupo de 60 persoas convocadas no Campo da Feira da Espiñeira para percorrer unha das zonas da mina que recentemente quedaron á vista, grazas á corta dunha parte do eucaliptal que cobre toda a mina actualmente. Merayo guiou ao grupo explicando in situ como se realizaba o lento proceso de erosión artificial da enorme masa de sedimentos que o río Masma acumulou ao longo de millóns de anos. Esta erosión realizábase mediante correntes de auga, que se lanzaban desde depósitos ubicados na zona máis elevada do lugar. Previamente, os depósitos enchíanse mediante múltiples canles, que traían auga por gravidade desde diferentes captacións do territorio.

A auga corrente arrastraba os materiais sedimentarios de diferentes grosores, que conteñen unha ínfima proporción do prezado ouro en partículas similares a finas areas. Estes eran conducidos mediante un gran entramado de canalizacións cara ás zonas máis baixas que rodean a mina, onde se decantaban as partículas auríferas polo seu maior peso. Estas partículas mesturábanse con mercurio, logo aplicábaselle calor e, finalmente, quedaba o prezado metal.

A zona visitada conserva a complexa topografía de canles e acumulacións de cantos rodados (murias), que os mineiros apartaban e acumulaban para facilitar a circulación dos sedimentos máis finos nos que viaxaban as partículas auríferas.

Cremos que a actividade desenvolvida este sábado permite dar a coñecer este xacemento importantísimo, tanto en dimensión como en valor histórico. Un xacemento que xa fora citado polo enxeñeiro alemán, Schulz, en 1835 e redescuberto por Mariña Patrimonio en 2013, o que permitiu a súa inclusión no Catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia, feito fundamental para a súa protección. Lamentablemente, só é posible apreciar esta enorme mina cando se produce unha corta coma a que nesta ocasión nos permitiu realizar a actividade.

A Mariña Patrimonio agradeceulle ao Concello de Foz pola súa activa colaboración na organización da actividade e por ter posto á nosa disposición todos os medios necesarios para a realización da mesma. Así mesmo, agradeceu ao ponente e guía, Iván Álvarez Merayo, o seu entusiasmo e bo labor divulgativo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here