-Coñécese o número de minas auríferas romanas na Mariña?
Persoalmente descoñezo ese dato. Eu sobre todo traballo a zona do Courel, Sur de Lugo e aí temos máis de cen minas contabilizadas, mais na Mariña descoñezo o número. Coñezo a da Espiñeira en Foz e Barreiros e en Ríotorto hai varias, mais non sei a cantidade exacta.
-A día de hoxe, esas antigas explotacións serían “produtivas”?
É unha pregunta complicada. Nós o que temos valorado no Courel é unha primaria en seixo e polo que calculamos, a produción podería ser de dous gramos de ouro por tonelada. Iso tamén depende do lugar onde se abriron, mais eu entendo que a día de hoxe non.
-Polo que se sabe os romanos facían uso do mercurio para separar as rochas do ouro. Comprobouse a afectación do mercurio no medio natural naqueles tempos, se deixou pegada o seu uso?
No medio ambiente non deixou pegada. Aínda así, o uso do mercurio deixou trazas por exemplo nas Médulas, no Bierzo, aínda que realmente iso é un traballo de química que en arqueoloxía non o facemos.
-Como era o uso do mercurio para ter ouro?
O mercurio por ser líquido absorbe o ouro. Recollíase area ou terra con alta concentración de ouro, logo mesturábase co mercurio e creaba unha masa. Pasado un tempo esa masa quéimase e así nos queda o ouro. Isto aínda se usa na Amazonía por exemplo.
-Como eran coñecedores os romanos da localización de ouro e cal foi o motivo de abriren tantas minas?
O ouro convértese daquela na referencia da economía romana. Os métodos para buscar ouro son antiquísimos, é puro empirismo, primeiro obsérvase a area ou a terra onde se está e pouco a pouco vaise examinando por onde están as concentracións máis elevadas mediante catas avanzadas. A xeoloxía do ouro xa era coñecida antes do período romano. Primeiro míranse as pedras de seixo que hai nos ríos. Saben que a erosión deses ríos sobre xacementos primarios arrastran eses restos ao fondo dos ríos. Logo por praxe, van catando o río e observando a cantidade de mineral que hai en cada lugar do río até que se descobre onde pode estar a fonte primaria de ouro nun monte. Despois fan pozos en áreas que serían antigos leitos dos ríos, por exemplo, e cando ven moita concentración excavan un pozo secundario como o da Espiñeira. Se estes pozos secundarios se enchían de material, logo ían explorando cara atrás até encontrar a rocha até onde estaba a rocha ou xacemento primario.
Recollíase area ou terra con alta concentración de ouro, logo mesturábase co mercurio e creaba unha masa. Pasado un tempo esa masa quéimase e así nos queda o ouro
-O mineral extraído en Galicia era enviado directamente a Roma?
Era enviado a Roma previo paso por Astorga, Asturica Augusta, a urbs magnifica, polo sistema de redes viarias que había.
Os métodos para buscar ouro son antiquísimos, é puro empirismo
-Era normal crear asentamentos permantentes onde había xacementos auríferos ou só había campamentos?
As dúas maneiras de asentamento. Normalmente, unha explotación así arrastra poboación, aínda así, quen traballaban as minas eran maioritariamente os habitantes das aldeas ou dos castros de arredor. Non eran escravos, eran cidadáns libres que pagaban os tributos aos romanos co seu traballo. Había xente condenada a cavar na mina e algún escravo, mais a maioría eran habitantes dos castros de arredor. Tamén as xentes que habitaban estes lugares antes dos romanos xa explotaban tamén o ouro, un exemplo é o torques de Burela. A explotación aurífera viña de case dous mil anos antes da chegada romana a Galicia.
-Estes antigos espazos mineiros estanse preservando debidamente?
A Lei de Patrimonio de Galicia di que todo xacemento arqueolóxico está protexido sáibase ou non da súa existencia. Por tanto, cada certo tempo fanse campañas de prospección para catalogar todo xacemento arqueolóxico.