Tres plataformas veciñais veñen de denuncian que a “potencial implantación masiva” de complexos eólicos na Reserva da Biosfera ‘Río Eo, Oscos e Terras de Burón’ coloca en “alto risco” a declaración da Reserva da Biosfera, debido á “degradación ambiental e social causada polo impacto acumulado” desta proposta.
En concreto, as plataformas veciñais Xente de Oscos-Eo, Stop Eólicos Negueira e Eólicos na Mariña, Así Non promoven e apoian a campaña estatal de ALIENTE (Alianza Energía y Territorio) pola cal se solicita unha moratoria científica en todas as Reservas da Biosfera ata que se realice o estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e termosolares, incluída a repotenciación, e infraestructuras asociadas en territorios declarados Reserva da Biosfera en España.
Esta solicitude foi presentada ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD) o pasado mes de xullo, apoiada por 447 colectivos vinculados a 35 Reservas da Biosfera de todo o Estado. Precisamente a Reserva da Biosfera ‘Río Eo, Oscos e Terras de Burón’ foi a que máis apoios tivo, con 134 colectivos de diferente índole (Concellos, asociacións veciñais e culturais, montes veciñais de man común, empresas de diversos sectores…) que mostraron o “crecente rexeitamento social á invasión eólica que se está pretendendo impoñer na nosa Reserva da Biosfera”.
As Plataformas lamentan que ante a gravidade da situación, non haxa un claro posicionamento para defender a Reserva da Biosfera por parte dos Concellos, xa que ata o momento apenas dous, o de Negueira de Muñiz e o de Santalla de Oscos, se adheriron á campaña, que segue aberta.
As Plataformas denuncian que a ameaza de invasión é “real” e que a proposta de macroproxectos centralizados “non é a solución” á crise enerxética e climática por presentar “graves problemas”: o seu potencial é limitado e menor do actual consumo enerxético, depende de materiais escasos, ten unha gran dependencia fósil (para a extracción de materiais, fabricación e instalación) e está centrado na electrificación (que supón o 20% do consumo actual).
Ademais, as Plataformas apuntan que a Reserva da Biosfera é un “escenario fantástico para propoñer unha transición enerxética xusta, baseada nun modelo de enerxía renovable distribuído, promovendo o aforro enerxético, o autoconsumo e a eficiencia enerxética”. “Unha transición que poña as persoas e todas as formas de vida no centro”, sentenzan.