ADEGA rexeita o crecemento da balsa de lamas de Alcoa, unha “espada de Damocles sobre A Mariña”

A organización ecoloxista esixe o seu peche con garantías.

Depósito de lodos vermellos de Alcoa. AXM

Alcoa vén de presentar un novo proxecto de crecemento do depósito de lamas vermellas conxuntamente co plano de clausura da balsa. En 2006, a Xunta xa autorizara recrecer o depósito ata unha altura máxima de 100 metros para, segundo explicaba, estender a súa vida útil ata o ano 2030.

Na actualidade, segundo expón a asociación ecoloxista ADEGA, o dique principal está chegando aos 98 metros e, antes mesmo de acadar os 100, Alúmina Española S.A. quere aumentalo aos 104 para seguir vertendo nela lamas vermellas outros 3,4 anos máis. Dende ADEGA piden á Xunta que rexeite a nova ampliación da balsa e se ateña ao recrecido autorizado en 2006 que fixaba unha cota máxima de 100 metros para o dique principal.

“Non está en absoluto xustificado que Alúmina Española S.A. queira ampliar de novo a balsa e demorar outros 4 anos o seu peche, releando o cumprimento das súas obrigas ambientais. Todo para seguir refinando a bauxita, exportando alúmina e usando o territorio galego unicamente como vertedoiro. Máis de 40 anos cunha espada de Damocles sobre a Mariña son máis que suficientes“, sentenza a organización nun comunicado.

PROXECTO DE PECHE, “OBRIGA IGNORADA”

O primeiro que chama a atención do movemento ecoloxista é o feito de que Alúmina presente como dous proxectos condicionados a nova ampliación do depósito de lamas vermellas e a clausura deste. A ampliación da balsa responde, segundo explican, á estratexia empresarial de alongar a vida útil da balsa mentres produce alúmina, mais o proxecto de selado é unha obriga imposta pola lexislación mineira.

“Outro detalle importante é o feito de que as estimacións da vida útil da balsa (25 anos) logo do último recrecemento autorizado (2006) fallaron estrepitosamente”, prosegue ADEGA. Segundo a documentación do actual proxecto, Alúmina di que se a Xunta non autoriza esta última ampliación, só podería encher a balsa outros 4 anos e por iso quere engadirlle 3,4 anos máis co último recrecido.

“40 ANOS DE CONTAMINACIÓN CONTINUADA”

A actividade actual da empresa cínguese unicamente á produción de alúmina a partir da bauxita, xa que a fundición de aluminio está parada. O proceso de transformación da bauxita en alúmina é a principal fonte das lamas vermellas que son depositadas na balsa que se pretende ampliar. Na fatoría de Alúmina Española S.A. desenvólvese, pois, un proceso industrial, a obtención de alúmina para a exportación, “moi intensivo na xeración de efluentes contaminantes, nomeadamente lamas vermellas e augas con altos contidos de flúor”.

ADEGA lembra que a Xunta de Galicia “lle permitiu á empresa na Autorización Ambiental Integrada tanto para a fábrica de alúmina como para a de aluminio, sobardar o volume máximo de verteduras e superar os límites de contaminantes, nomeadamente o flúor, fixados na lexislación”. Agora, que xa non se produce aluminio, ADEGA defende que decae o argumento utilizado pola Xunta para seguir concedendo excepcións, e que a fatoría de San Cibrao “non debería seguir gozando de prebendas administrativas para contaminar”.

“O complexo está a deixar en Galiza o peor do proceso metalúrxico do aluminio, fabricando e exportando alúmina para que noutros países obteñan o aluminio sen ter que xestionar as lamas vermellas. Tras máis de 40 anos de contaminación continuada, xa é momento de pensar na clausura da balsa e non no seu recrecimento”, sentenza a asociación.

PECHAR “CON GARANTÍAS”

Así mesmo, ADEGA alerta de “preocupantes contradicións” na documentación do proxecto, sinais, di, de que a empresa “tenta rebaixar as súas obrigas de control ao cuestionar, por exemplo, a categoría do depósito (o que influiría na duración da post-clausura) ou xogar coas frecuencias das mostraxes”.

En cando ás garantías financieiras, Alúmina Española S.A. indica que para recrecer o dique non precisa constituir garantías xa que “a explotación mineira da que procede a bauxita a beneficiar non se atopa no espazo económico europeo”. Outra proba máis, segundo ADEGA, de que a empresa “pretende usar o noso territorio unicamente como vertedoiro para as súas operación de refino, fuxindo das súas responsabilidades, mesmo financeiras, ás que obriga a lexislación mineira”.

1 COMMENT

  1. Habitual protesta de ecologistas que tienen la capacidad de oponerse a todo lo que vuela, menos a pajaros, sin dar jamas una alternativa viable. Ni una referencia a mas de 40 años de trabajo que han enriquecido al entorno

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here