O respecto aos restos do noso pasado, unha chave para entender o futuro

Pouco a pouco vanse descubrindo ou redescubrindo espazos con historia que deixa ver a importante pegada dos nosos antepasados. A revalorización destes lugares ben como atractivo turístico, ben como simple xacemento visitable, non debe quedar no esquecemento pois detrás temos algunhas respostas a boa parte do noso legado histórico material e inmaterial.

Castro de Rueta, en Cervo / arquivo

As excavacións en San Tirso de Portocelo fixeron aflorar un conxunto da Idade do Ferro, concretamente un castro ao pé do mar. Recentemente aplicáronse novas tecnoloxías sobre o castro de Rueta, en Cervo, para “darlle forma” ao enclave sen necesidade de mover terra. Dúas maneiras ben diferentes de achegarnos ao pasado que moitos e moitas das mariñás e mariñaos descoñecen.

A procura e conservación destes espazos tivo que pasar antes por longos períodos en que mámoas, castros e outras construcións antigas, foron obxectivo do expolio, da especulación ou do simple e puro abandono. Así, en Xove a parroquia da Rigueira era un lugar de mámoas. A inmensa maioría desapareceron para atenderen as necesidades de pedra para a construción, ou liberar espazos para a agricultura ou gandeiría. A propia parroquia de Xove foi lugar de tumbas visigodas que unha vez descubertas acabaron algunhas como pías de auga para o gando. Logo están os castros que agora mesmo están debaixo de eucaliptais ou se cadra ameazados por algún trazado de estrada ou por proxectos especulativos de edificación.

RECUPERARMOS O POUCO QUE QUEDA

A Asociación Mariña Patrimonio comezou un traballo que hai anos deberan ter asumido as diferentes administracións. Mais os xa mencionados intereses especulativos, a propia ignorancia da xente (sabían os nosos avós ou bisavós que era a Idade de Ferro, ou a Alta Idade Media? Ninguén lles explicou nada) acabaron con moitos dos antigos espazos históricos e prehistóricos que era necesario estudar para comprendermos, polo menos un pouco, quen somos.

A revalorización de lugares ou espazos con forte carga histórica, mesmo toponímica, é unha necesidade imperiosa para que as novas xeracións entendan e comprendan a importancia de preservar os documentos que nos chegan desde séculos atrás. Só así, co coñecemento, se poderá evitar o “borrado” da nosa memoria como sociedade. A preservación de cascos antigos, restos de murallas, pinturas murais ou templos, por moi pequenos que sexan, é imprescindible en tempos da Internet 5.0 xa. A tecnoloxía non pode, non debe, afastarnos de todo o patrimonio aínda conservado e aínda por descubrir na Mariña. Ao revés, debe achegarnos máis aínda ao patrimonio soterrado e o descuberto.

OS TRABALLOS DE DESCUBERTA

Se xa se mencionou antes Mariña Patrimonio, tamén hai que ser xustos e recoñecerlle o traballo realizado polas corporacións municipais interesadas no traballo sobre o patrimonio. Outro recoñecemento debe ir aos centros de investigación, tanto galegos como non galegos, que comezan a abrir as leiras, os “castros”, os “castelos”, os “pazos”, as “vilas” esparexidas polo noso territorio.

Mais non só está o proceso de excavación en xacementos. Desde a plataforma online https://toponimia.xunta.gal/gl/taxonomy/term/162 e o proxecto Galicia Nomeada, o profesor Vicente Feijóo xunto cun equipo de persoas da Real Academia Galega, están traballando na recuperación da microtoponimia en Galicia.

Quen naceu e se criou no rural recorda os nomes dalgúns dos terreos que traballaban os seus pais ou avós: “Prado Vello”, “O Cuncheiro”, “Teixeiro” e tamén nomes de aldeas: Soutorredondo, Soutovello, As Gulpilleiras e moitos máis. Ben, pois todas esas pequenas parcelas da nosa “intrahistoria” merecen ter unha segunda vida no “mundo da nube”.

A desaparición por desuso e falta de utilidade dos microtopónimos está levando tamén a unha perda irrecuperable da nosa memoria como sociedade. Cómpre de todas as maneiras posibles, iniciar un labor de recuperación destas e doutras pegadas importantes do noso patrimonio.

As diferentes asociacións, universidades, grupos científicos de investigación e outros colectivos involucrados, piden sermos responsables como sociedade e preservar para as vindeiras xeracións o que custou séculos construír e conservar. Daquela, o apoio a iniciativas de conservación do noso patrimonio é algo que debera movernos como sociedade moderna, formada e comprometida.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here