InicioM.ambiente e PatrimonioMáis de 140 persoas participaron na cuarta edición "A Mariña en Ruta",...

Máis de 140 persoas participaron na cuarta edición “A Mariña en Ruta”, unha iniciativa da Mancomunidade de Concellos

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, subliñou que “nesta edición de 2022 participaron un total de 142 persoas repartidas nas dez actividades realizadas entre outubro e novembro.

Publicada o

- Advertisement -

Máis de 140 persoas participaron na cuarta edición de A Mariña en Ruta, que arrincaba o pasado mes de outubro. Foron 10 os itinerarios realizados por esta iniciativa da Mancomunidade de Concellos, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo.

O pasado sábado 26 de novembro rematou a cuarta edición do programa A Mariña en Ruta, cun itinerario guiado en Barreiros sobre a vida no ecosistema da ría de Foz-Masma. Este percorrido puxo o punto final ao programa de visitas e actividades guiadas deste ano, iniciativa promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, e que convida a coñecer o entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía dos diferentes concellos da Mariña Lucense.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, subliñou que “nesta edición de 2022 participaron un total de 142 persoas repartidas nas dez actividades realizadas entre outubro e novembro -meses escollidos para sumar argumentos que favorezan a desestacionalización do destino-, afianzando o éxito dunha iniciativa xurdida en 2020 e que este ano contou coa colaboración da empresa de turismo activo Volta Montana para a súa coordinación e execución”.

Tania Hermida, a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, explicou que: “as diferentes rutas abrían as portas a coñecer os atractivos da Mariña cunha ollada mais próxima, con propostas tan diversas como o bateo de ouro en Alfoz; as pegadas do pasado na costa de Xove; a ruta dos Fornos e Mina Consuelo en A Pontenova; O Vicedo, como porto das xentes do norte; o asentamento castrexo e a vila medieval de Burela; a ruta dos Pozos do Valadouro; a figura do Conde Santo e a peregrinación medieval en Lourenzá; o pasado e natureza de Trabada e a biodiversidade e as aves da ría de Foz”.

E dixo que “estes itinerarios, diversos e inclusivos, e seleccionados nun exercicio de compensación que define todas as edicións, foron guiados por expertos anfitrións do territorio, como Boris Vilar, Lidia de la Fuente, Sofía López, Saúl Román, Fran Canosa, Pedro Rolle, Manuel Anllo Centeno e Tiolina das Minas, poñendo en valor o capital humano especializado que traballa no territorio”.

O programa, que foi presentado en setembro deste ano, contaba cun espazo de reservas directas na páxina web da Mariña Lucense Turismo amarinalucense.gal e contou cunha ampla difusión a través de redes sociais, prensa escrita e online e radio.

ÉXITO EDICIÓN 2022

Cajoto referiuse á boa acollida deste programa: “desde a súa posta en marcha, o programa de visitas conta cun elevado grado de aceptación e satisfacción, considerando novamente nesta edición o 100% dos participantes que debería ter continuidade no tempo, que dinamiza a oferta cultural da Mariña Lucense e que recomendaría a experiencia a outras persoas. A valoración xeral da iniciativa foi de 9,5 sobre un máximo de dez e os guías -peza fundamental da proposta- foron tamén moi ben valorados cun 8,9 sobre 10”.

E engadiu que “a maioría dos participantes procedían da provincia de Lugo con participación tamén de visitantes da Coruña (12%) e Asturias (8%). A idade media foi de 48 anos e houbo unha maior presenza feminina (65%)”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...