A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña tramitou duascentas reclamacións no centro de saúde de Mondoñedo.
Os tempos de agarda para consultas, probas ou intervencións centraron a maior parte das queixas individuais, segundo explicou o colectivo, que ampliou o seu horario de atención habitual para recoller as demandas da veciñanza.
“Cando chegamos ao centro de saúde xa había un grupo de xente numeroso agardando por nós e en ningún momento deixamos de redactar reclamacións facendo até tres á vez”, expón o voceiro do colectivo, Víctor Vila.
“Tivemos que prorrogar en vinte minutos o horario para que non quedara ninguén sen facela”, explica.
PEDIATRÍA
A maiores das reclamacións individuais, a plataforma sanitaria canalizou as demandas colectivas da veciñanza que reclama a substitución “estable e desde o primeiro día” de todos os permisos e baixas da pediatra titular.
As familias piden que o servizo de pediatría, que comparten con Barreiros e Lourenzá, se implemente no tempo necesario para garantir unha asistencia satisfactoria, que evite desprazamentos a outras localidades e o colapso das urxencias hospitalarias.
FISIOTERAPIA
Ademais, a comunidade pide que se dote ao centro de saúde mindoniense do persoal e da aparataxe necesaria para atender aos pacientes en quendas de mañá e tarde e reducir o tempo de espera para acceder a este tipo de tratamentos.